Bernardo Penabade, profesor xubilado do IES Perdouro: «Os meus compañeiros despedíronme ofrecéndome unha viaxe a Cabo Verde, quéroa usar para facer turismo máis tamén de misión educativa»

marco pereira / y. g. CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

«Nunca pensei que podería dedicarme á docencia. De neno teño dito que me gustaría traballar nunha oficina», confesa

04 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Bernardo Penabade (Mañón, 12 de xullo de 1964) é licenciado en Filoloxía e foi ata este curso profesor de lingua galega e literatura. Tivo o seu primeiro contacto coa docencia en 1988 na Rúa de Valdeorras e despois pasou por Bueu, Ortigueira, Viveiro e, finalmente, chegou ao IES Perdouro de Burela, onde impartiu clase durante os últimos vinte cursos. Tamén forma parte da comisión técnica de sociolingüística do Consello da Cultura Galega. É coordinador do Modelo Burela, dirixiu o programa de radio cultural Proxecto Neo e colabora no Grandes vozes do nosso Mundo, o programa irmán dedicado á música. Bernardo Penabade, nacido nas Grañas do Sor, fillo de agricultores, a nai dese mesmo lugar e o pai procedente do Vicedo, confesa: «Nunca pensei que me podería dedicar á docencia. De pequeno teño dito que me gustaría traballar nunha oficina». «Eduqueime nunha escola unitaria, onde entrei con seis anos, como se facía naqueles tempos. Había entre trinta e corenta alumnos con idades comprendidas entre os seis e os dezaseis anos», comenta. «Era unha aprendizaxe colectiva. Algúns dos maiores axudaban na atención aos máis pequenos», desvela. Como exemplo diso di: «Fun alfabetizado por unha irmá seis anos maior ca min».

—A súa vocación como mestre, a que idade lle chegaría?

—Con quince anos. Cando xa estaba asentado no instituto, tiven que axudarlle a un compañeiro dous anos menor que min. Ese compañeiro tiña dificultades nos problemas de matemáticas e de física e química, e eu era un dos poucos veciños que podía axudarlle. Axudeille con éxito dobre: en primeira estancia para el, que aprobou; e para min, que descubrín que era capaz de explicarlle a outra persoa o que eu aprendía nas aulas. Foi unha magnífica experiencia de ensino cooperativo na adolescencia.

—Que lembranzas garda da vida universitaria?

—Foi moi intensa. Eu pasei pola universidade, mais a universidade permaneceu en min. Puiden desenvolver a miña vocación do ensino na residencia universitaria Burgo das Nacións onde impartín moitos cursos. No ano 1988, de viaxe no tren para a Rúa de Valdeorras, ía coas lágrimas nos ollos, tanto de tristeza como de alegría.

—Como lembra o primeiro contacto cos alumnos?

—A primeira toma de contacto foi co alumnado no Colexio Diocesano Pablo VI da localidade ourensá da Rúa de Valdeorras no ano 1988. Fixéronme unha entrevista previa e a verdade é que estaba bastante nervioso; eu precisaba do traballo. Pouco despois descubrín que o entrevistador estaba interesado en atopar alguén que entrase a traballar alí. As aulas eran moi numerosas e con moitísima diversidade, non racial, como pode haber hoxe, mais cunha diversidade cultural e económica enorme. Despois traballei seis meses en Bueu, un ano en Ortigueira e quince anos en Viveiro. No caso de Ortigueira foi gratificante o retorno tendo sido alumno do centro.

—Como foi logo a etapa no IES Perdouro de Burela, onde chegou en setembro de 2003?

—Eu xa vivía en Burela. Pedín ese destino no Perdouro porque alí estaban Alfredo Llano, como director, antes de ser alcalde de Burela, e Antón Niñe. Eles tiñan un proxecto educativo moi interesante, que coñecía a través da participación no Colectivo Cultural Buril e na asociación Os Matos, que fundaran eles mesmos no Perdouro.

—Ten balance positivo dos vinte anos de vida do Modelo Burela, proxecto que naceu na primavera de 2004 e que se comezou a fraguar en outubro de 2005.

—Si, un balance moi positivo. Foi positivo a pesar das dificultades ambientais. Houbo un momento de tregua inicial, mais despois foi aglutinando persoas e, ao mesmo tempo, foi atopando obstáculos como sucede con todas as transformacións sociais. Voltando a vista atrás, hai vinte promocións de estudantes que directa ou indirectamente se beneficiaron da intervención educativa, ao igual que a propia localidade.

—Na xubilación segue a estar vinculado á educación e aos libros.

—Seguirei axudando ás escolas que o precisen e aos alumnos e alumnas que requiran da miña axuda. Quero completar a obra propia que tiven que deixar de lado para dedicarme á profesión.

Máis alá de querer continuar vinculado á educación e recuperar o tempo para completar a súa obra, Bernardo Penabade desvela: «Os meus compañeiros e compañeiras despedíronme ofrecéndome unha viaxe a Cabo Verde. Quéroa usar para facer turismo, mais tamén de misión educativa».