Bernardo Fraga, voceiro de Por Viveiro, sobre a posible moción de censura: «Teño e seguirei tendo a miña ideoloxía, pero poño por diante o meu pobo»

A MARIÑA

«A maioría da xente estanos dicindo que é hora dun cambio», afirma o cabeza de lista da formación independente, que negocia un posible pacto co PP despois da «ruptura total» co PSOE
16 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Respecto profundamente a opinión dos dous membros de Por Viveiro [Paula Insua e Óscar Lara] que anunciaron que se dan de baixa e na súa situación, no seu cargo dentro do sindicato [CIG en Alcoa], tería feito o mesmo, pero antes de comezar este proceso negociador tanto Manolo coma min puxemos os nosos cargos como concelleiros a disposición e ningún compañeiro quixo entrar na corporación municipal». Así de claro se expresa Bernardo Fraga Galdo (Viveiro, 1983) cando restan catro días para unha reunión que se prevé decisiva para o futuro de Viveiro. O vindeiro mércores, 19 de febreiro, o voceiro da formación independente reunirase de novo coa cabeza de lista do Partido Popular, Mariña Gueimunde, co obxectivo de resolver os «flecos programáticos» que faltan para chegar a un acordo que, de callar finalmente, dará pé a unha moción de censura que poñería fin a case vintedous anos de goberno socialista.
Os dous concelleiros de Por Viveiro sumados ós sete do PP acadarían a maioría absoluta que poñería fin ó actual bipartito integrado por PSOE (cinco edís) e BNG (tres).
—A Deputación de Lugo acaba de anunciar o investimento dun millón de euros en dous anos para Viveiro...
—Ó presidente da Deputación, José Tomé, dígolle que a única razón pola que estamos nesta situación é porque el e o seu partido incumpriron totalmente os acordos firmados hai dous anos [o pacto que facilitou a investidura de María Loureiro como alcaldesa e o bipartito]. Eses acordos implicaban investimentos neste tempo, nestes dous anos que están a punto de rematar, bastante máis grandes que ese millón de euros do que fala agora para investir nos próximos dous anos.
—Contactaron con vostede nos últimos días representantes doutras forzas políticas?
—A nós non nos chamou ninguén de ningún partido. Tanto lle interesa Viveiro ó PSOE que nin sequera me chamaron despois de anunciar que retirabamos o apoio...! Se un millón de euros é todo o investimento que prevén para Viveiro, mal imos!
—Como explica que Por Viveiro, formación independente que naceu no 2019 trala marcha do BNG súa e de Manolo Galdo, poda acabar apoiando ó Partido Popular?
—Hai dous anos botamos co corazón, dando unha última oportunidade ás forzas de esquerdas para ter un goberno progresista en Viveiro, pero non a aproveitaron. Teño e seguirei tendo a miña ideoloxía, pero poño por diante o meu pobo e Viveiro necesita un cambio. Pola rúa, a maioría da xente anímanos, estanos dicindo que era hora de que houbese xa un cambio. En Por Viveiro estamos cumprindo a nosa palabra. Guste ou non. Apoiamos a investidura en base a un pacto de investimentos a cumprir nos dous primeiros anos de mandato, pero o goberno actual non cumpriu nada do pactado.