De sacar a nota máis alta no BAC a lanzar «Pontes», o seu primeiro disco profesional de rap en galego

A MARIÑA

O viveirense XMaseda65 compatibiliza a súa carreira musical coa preparación do máster tras graduarse en Filoloxía Galega
16 may 2025 . Actualizado a las 09:33 h.«Camiño recto porque sei para onde vou/ porque aprendín para chegar onde estou/ que me tiña que namorar do proceso, dos altos dos baixos, dos pasos que dou./ Camiño recto, non fai falta correr/ xa vin a moitos darse présa e caer. Fun aprendendo a investir ben o tempo, o esforzo, o diñeiro, o talento e a fe». Con esta letra tan potente arrinca Pontes, o tema que dá nome ó primeiro disco profesional do viveirense Xosé Maseda Calvo (XMaseda65), que xa está dispoñible en plataformas como Spotify ou Youtube. Con 22 anos, Maseda compatibiliza a súa carreira musical coa preparación do máster que lle permitirá opositar á docencia tras graduarse en Filoloxía Galega. Un grao que decidiu estudar en Santiago tras acadar a nota máis alta (unha media de 9,9) de segundo de Bacharelato no IES Vilar Ponte de Viveiro. Corría xuño do 2020 e aquel rapaz xa compoñía rap en galego influído polas súas dúas irmás maiores, que escoitaban no coche a grupos a como Dios ke te crew. De feito, co primeiro tema que gravou e colgou na súa canle de Youtube, Memorias dun adolescente, XMaseda logrou case 2.000 visualizacións en menos de dúas horas. Ano e medio despois, co tema Paparrexo, dedicado a seu avó José, falecido de cancro, superou as 3.000 en poucas horas.
«Estou moi orgulloso das miñas orixes, da miña terra, e tiven a sorte de nacer e criarme entre Viveiro, O Vicedo e O Barqueiro», Xosé Maseda, rapeiro de Viveiro
«Levo traballando neste novo proxecto algo máis dun ano», expón sobre un disco de 8 temas producido por Petrowski que simboliza unha evolución vital. «Parto da metáfora da ponte como sinal do paso da adolescencia á vida adulta, como unha figura transitoria. Son un rapaz de 22 anos, pero rematei a Universidade e toca empezar a traballar, como están facendo algúns amigos, as miñas irmás teñen a súa vida, meus pais fanse maiores...», destaca un rapaz que en Pontes pon en valor as pontes de Viveiro, onde naceu, O Vicedo, de onde é nativa a súa nai, e O Barqueiro, onde naceu seu pai.