O PSOE pedirá no Parlamento a Área Sanitaria para A Mariña

La Voz

A MARIÑA

cedida

Anunciouno Lara Méndez, que este mércores visitou aos concentrados diante do hospital da Costa

28 may 2025 . Actualizado a las 18:49 h.

A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz 2ª do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, anunciou este mércores unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que recupere a Área Sanitaria da Mariña. Méndez esixiu autonomía de xestión e capacidade de decisión como única vía para resolver a «situación crítica» do Hospital Comarcal e recuperar «unha atención sanitaria de calidade e en igualdade de condicións».

Méndez fixo estas declaracións logo de levar á dirección socialista ata Burela dentro da ruta polos centros de saúde de Galicia «que están a vivir unha situación semellante pola falla de recursos do goberno galego». A responsable socialista acompañou aos profesionais sanitarios, cidadáns, alcaldes e portavoces municipais do PSdeG «que acoden de forma periódica á protesta convocada fronte ao centro sanitario para reclamar unha sanidade pública digna para A Mariña», dixo.

Méndez mantivo un encontro coa Xunta de Persoal, á que lle anunciou a ofensiva parlamentaria que preparan dos socialistas galegos «para esixirlle ao goberno galego que teña en conta a situación de “asfixia” á que ten sometido a un centro que atende a máis de 70.000 habitantes, que se multiplican nas datas do verán. Méndez trasladou o apoio do PSdeG aos profesionais sanitarios que “simplemente queren realizar ben o seu traballo e atender ben á poboación».