O PP anuncia na Mariña que pedirá a exención fiscal de ata 60.000 euros para os barcos que leven a bandeira española en augas internacionais
A MARIÑA

Este mércores senadores da comisión de Pesca visitaron a lonxa de Burela e Puerto de Celeiro
04 jun 2025 . Actualizado a las 21:27 h.O Partido Popular defenderá no Senado as reivindicacións do sector pesqueiro lucense «que coinciden coas principais necesidades do sector a nivel nacional» e están estreitamente relacionadas co relevo xeracional, a necesidade da homologación de títulos e igualar condicións fiscais con respecto a outros países. Neste sentido, os populares piden exencións fiscais de ata 60.000 euros para barcos que leven a bandeira española en augas internacionais.
A delegación de senadores do Grupo Popular na Comisión de Pesca do Senado comprometeuse a dar traslado das demandas dos distintos actores do sector pesqueiro tras escoitar de primeira man aos seus representantes na Mariña lucense -patróns maiores das confrarías da provincia, sociedades de Armadores de Burela (ABSA) e Puerto de Celeiro e as Organizacións de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e Celeiro (OPP-77)- durante a visita á comarca na que tamén puideron coñecer a lonxa da Burela.
O portavoz do Grupo Popular na Comisión de Pesca no Senado, Manuel Ruiz, acompañado polos senadores lucenses José Manuel Balseiro e José Manuel Barreiro, ademais da senadora ferrolá Verónica Casal e o senador cántabro Íñigo Fernández definiu a visita como «moi instrutiva porque é imposible coñecer o sector galego se un non coñece todo o que A Mariña supón para o mundo do mar».
«Os problemas da pesca nos que máis inciden todos e cada un dos seus actores é o relevo xeracional», segundo conclúe Ruiz. Algunhas das demandas máis urxentes do sector son «facilitar a obtención de títulos, especialmente para a xente que ten experiencia no mundo do mar, así como revisar as condicións para a homologación de títulos doutros países e adaptar a formación ás necesidades do sector facilitando que os traballadores do mar poidan chegar facilmente a ser uns tripulantes cualificados».
O popular avanzou que «estamos dispostos a defender un marco estatal único e harmonizado de titulacións náutico-pesqueiras que garanta o seu recoñecemento automático en todo o territorio nacional».
Por outra banda, o sector reclama a aplicación das mesmas medidas fiscais para as empresas españolas que noutros países europeos. «Xa temos rexistrada unha iniciativa para reclamar exencións fiscais de ata 60.000 euros para aquelas tripulacións que operan con bandeira española en augas fóra do noso territorio nacional», indica o senador popular.
A ese respecto, o Grupo Popular ten presentado unha proposta para instar ao Goberno de España a ampliar a exención tributaria do IRPF e modificar parcialmente as leis dos Impostos sobre Sociedades, Imposto da Renta para No Residentes (IRNR) e sobre o Patrimonio aos tripulantes españois en buques de bandeira española que faenan fóra das aguas españolas. «O obxectivo é o de estimular o relevo xeracional e, sobre todo, evitar a fuga de talento para países con condicións fiscais máis favorecedoras», din.