Don Rodrigo, veterinario e mestre xadrecista

ANTONIO REIGOSA

A MARIÑA

ARCHIVO ANTONIO REIGOSA

07 jul 2025 . Actualizado a las 13:18 h.

Hoxe cóntolles pola breve a historia dun veterinario chamado Rodrigo Rodríguez Rodríguez, un leonés que deixou pegada en Mondoñedo aínda que xa case ninguén o lembra. Don Rodrigo naceu en Villarejo de Órbigo (León) en 1908, faleceu en Ferrol o 5 de novembro de 2001 aos 93 anos e foi soterrado no cemiterio municipal de Narón. Foi veterinario de profesión e xadrecista de vocación, deporte no que como Maestro Rodrigo foi recoñecido co título de mestre internacional pois conquistou o subcampionato absoluto de España en 1953 e varios campionatos galegos. Foi parte do equipo nacional español en once ocasións, ademais de activo membro da Peña Ajedrecista del Círculo de las Artes de Lugo.

O golpe de estado de 1936 colleuno en Llanes (Asturias), onde xa exercía como veterinario titular. Alí casara en 1933 con Mª Teresa Comos. Un dos seus fillos, Rodrigo Rodríguez, coñecido polo nome artístico de 'Comos' (Llanes, 1935), foi un moi recoñecido debuxante de cómics e historietas que traballou para a editorial Bruguera e para outras prestixiosas editoras europeas. Moitas das historias do Capitán Trueno levan a súa sinatura.

Don Rodrigo, veterinario e xadrecista de prestixio, fora capitán de sanidade do exército republicano polo que en 1937 foi desterrado por desafecto ao novo réxime. En 1941 incoóuselle un expediente de responsabilidade política e pediuse para el pena de morte ata en dúas ocasións. Exiliouse en Galicia, concretamente na cidade de Lugo, aínda que posteriormente se lle permitou exercer como veterinario en concellos da provincia como Cospeito, Abadín, Trabada e Mondoñedo.

A Mondoñedo chega en 1946 para exercer como inspector municipal veterinario. Ademais do seu quefacer como albeite, deixou memoria participando nalgúns campionatos de xadrez organizados polo Frente de Juventudes.

En 1959 e 1960 trasládase a Neda (A Coruña), onde tamén ocupa o cargo de veterinario titular. En Ferrol fundou en 1961 o Círculo Ferrolán de Xadrez, foi o seu primeiro vicepresidente e ata non hai moito celebrábase nesa cidade un memorial de xadrez co seu nome. Nunha entrevista que se publica en La Voz de Galicia, edición de Ferrol, o 4 de decembro de 1995 confesa entre os seus pasatempos que 'recolle' palabras raras e descoñecidas, e que o xadrez 'fomenta o intelecto, a prudencia, a fantasía, a creación e axuda a que os mozos non desencarrilen'.

Como mostra da súa preocupación pola saúde animal e humana publica en 1942 un artigo nunha revista profesional titulado ¿Tiene usted tuberculina? no que detalla o complicado que resultaba entón conseguir este produto para tratar de controlar a tuberculose no gando vacún e, como consecuencia, evitar os estragos que provocaba o leite contaminado na alimentación infantil.

Na miña familia cóntase a seguinte anécdota. Na casa dunha das miñas avoas tiñan unha vaca enferma e don Rodrigo non daba atinado co remedio para curala. Entón decidiron chamar un menciñeiro que conseguiu sandala. Cando volveu por alí, don Rodrigo preguntou que lle fixeran á vaca pero en vez de dicirlle a verdade, contestáronlle que a vaca curara cando a ofreceran ao San Cosme de Galgado. E el, parece que era algo tatexo, sentenciou: Ah! Pois vou ter que denuncialo!

* Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo