
Os meus comezos foron en 1983, en habilitación de lingua galega cando se iniciaba o ensino desta lingua nos centros da Comunidade Autónoma de Galicia. Foron 42 anos, 6 meses e 29 días servizo no corpo. En Ribadeo, 30 anos incluindo 16 anos como directora do colexio ribadense Gregorio Sanz, de setembro de 2008 a 30 de xuño de 2025. Dende a práctica docente, a miña foi unha profesión vocacional exercida con ilusión dende a infancia. Sempre pensei en conseguir o sono de ser mestra baixo o lema «Educando co corazón». Disfrutei moito dela porque me encanta interactuar cos nenos e nenas e poñer a disposición a miña experiencia, co ánimo de ensinar exercendo a profesión que me entusiama e recibindo a cambio o cariño dos nenos e das nenas. Foi unha profesión de dedicación absoluta formándome para estar ao día das innovacións acordes aos tempos.

En setembro do curso 2008/09 empeza a aventura de formular as liñas para elaborar un proxecto a dirección que se prorroga ata o 30 de xuño de 2025. Un proxecto ilusionante, vivo e aberto á comunidade educativa. Foron anos de esforzo dedicación e traballo. A xestión dun centro abarca amplios aspectos:
- Xestión pedagóxica académica: desenvolvemento de diversos proxectos de innovación coa colaboración estreita dos compañeiros e compañeiras, e sobre todo, facendo fincapé na atención á diversidade do alumnado, contando sempre co apoio da Administración e Inspección Educativa.
- Xestion de recursos materiais e humanos: coa colaboración da Administración educativa e Concello.
- Atención a familias e outros axentes: toda unha traxectoria repleta de aprendizaxes e emocións compartidas porque, ademais, sucedéronse varias xeracións, etapas e cambios. Como di Paulo Coelho «El camino es el que nos enseña la mejor forma de llegar y nos enriquece mientras lo estamos cruzando».
Sinto o orgullo de representar a escola pública en Ribadeo con metas claras e co deber de ter cumplido cos compromisos que require un cargo o que crea un vínculo especial, do que me queda unha grata lembranza que sempre levarei no corazón. Baixo o consenso todos e todas fixémonos participes e cómplices de aunar esforzos e facer que o colexio sexa o que todos e todas queríamos que fose: un lugar agradable de traballo baixo o denominador común a educación inclusiva e formación integral do alumnado.
Agradecementos
Á Administración educativa, Concello, familias, mestres, Anpa, persoal non docente e outras entidades públicas/privadas que se involucraron directa ou indirectamente no período de dirección comprendido entre setembro de 2008 ata xuño do 2025.
A partir de agora desexo que o centro continúe na liña do progreso, o que redundará no beneficio do alumnado, velando polos seus intereses como principais protagonistas merecedores de toda atención con rigor, lealdade e responsabilidade que se merecen.
Conclusión
Entregueime á profesión preferida con ilusión e dedicació. Gardo un grato recordo de experiencias vividas, conservando excelentes lembranzas. Encóntrome moi satisfeita cos obxectivos formulados, mentalizada de planificar moitas actividades para esta nova etapa que comeza: viaxar, escribir, deporte... Finalmente, quero desexar que o colexio sexa un referente na Mariña e en Galicia, un exemplo a seguir. E dar as grazas por darme a oportunidade de expresar o que creo baixo a miña humilde experiencia e transparencia, que sempre defendín.