
Como cronista van xa demasiadas veces as que tiven que teletransportarme ao outro lado da vida. E ver que pasa, quen entra xa para quedar e facer alí o que, seguramente, non puido ou non lle deixaron facer entre os de aquí.
Chegou Mauro! Caía a tarde grisalla e triste do 23 de xullo entre o arboredo que beirea o Valiñadares. A noite sen fin espreitaba a contorna dos Muíños e Mauro despedíase da luz e de todas as primaveras que pintou.
Un artista nunca deixa de selo. Nin antes nin despois, e Mauro tampouco vai deixar agora de convertter o seu pródigo imaxinario en verxel colorido. Mauro sempre navegou no incorformismo, nas pararrealidades oníricas. Inventou mundos, esfumou fronteiras, xogou a ser deus entre ídolos de barro.
Mauro chegou. Entrou, como ten por costume, sen chamar. E ao outro lado da porta, na entrada do vestíbulo onde reciben os mindonienses de por alá aos que van chegando, estaban agardando Quique Guerra e Xosé Vizoso.
E os dous, á mesma voz, dixeron: Carai, Mauro! Non contábamos contigo tan axiña!
E Mauro, co sorriso pillabán dos que saben que sempre incomodan, fagan o que fagan, respondeulles: sempre me gustou, ben o sabedes, tocar os ...!
* Antonio Reigosa. Cronista Oficial de Mondoñedo.
En memoria de Mauro Leivas, artista mindoniense falecido.