Rinlo celebrará este sábado a súa Festa do Percebe e haberá transporte gratuíto desde Ribadeo, o Percebús
A MARIÑA

Para poñer en valor o traballo das percebeiras e percebeiros da zona
30 jul 2025 . Actualizado a las 20:46 h.Este sábado, 2 de agosto, terá lugar unha nova edición da Festa do Percebe de Rinlo, que contará por terceiro ano con servizo de transporte gratuíto entre Ribadeo e Rinlo e viceversa. O alcalde, Dani Vega, explicou que «chegou a festa do percebe, unha das maiores festas gastronómicas de toda Galicia que pon en valor o produto do mar, na que se pon en valor tamén unha forma de traballar, unha forma de vida e por iso recordamos a todas as percebeiras e percebeiros que defenden a forma de vida dun sector tan importante como é o sector do mar».
«Evidentemente, por todo Galicia hai festas gastronómicas que queren enxalzar o produto do mar e o percebe nace con esa vocación e sigue. A festa do percebe xa está no calendario de todos os ribadenses, tamén de todos aqueles que nos visitan, e desde logo entre todos queremos facer unha festa que acolla e na que se poña en valor un produto como é o percebe», indicou Daniel Vega.
O alcalde de Ribadeo destacou tamén que haberá transporte desde Ribadeo a Rinlo gratuíto. «Poñemos por terceiro ano consecutivo un vehículo, un medio de transporte como é o Percebús, un autobús que vai da estación de autobuses de Ribadeo, sae as 11 e chega a Rinlo continuadamente. De 11 a 15 horas de forma continua vai estar transportando persoas. E tamén desde as nove de noite, desde Rinlo a Ribadeo, ata a unha da madrugada. É un transporte que poñemos a disposición para garantir a seguridade. É bo facer eventos festivos para poñer en valor un produto, pero tamén é bo garantir a seguridade nestas celebracións. O Percebús, que naceu con esa vocación de que todos os rapaces e rapazas, e non tan rapaces, utilicen un medio seguro e, evidentemente, o Concello quere colaborar tamén deste xeito».