Os Quinquilláns representará «Cousas», de Castelao, o sábado 20 no Teatro das Cortes, no Vicedo
A MARIÑA

O espazo cultural dedicará a tarde a Castelao cunha exposición, unha proxección audiovisual, teatro e un concerto de Barahúnda
16 sep 2025 . Actualizado a las 22:49 h.Os Quinquilláns, unha das compañías de teatro con máis prestixio de Galicia, representará Cousas, a obra de Castelao, o sábado 20 de setembro no Teatro das Cortes, no Vicedo. O espazo cultural posto en marcha no lugar de Xestoso, parroquia de Cabanas, pola asociación Volta de Dálle dedicará a tarde a poñer en valor a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950), quen foi humorista, pintor, escritor, intelectual e político, entre outros.
Deste xeito, ás 18.00 horas terá lugar a presentación e unha visita á exposición «Sempre en Galiza 1944-2024», a cargo dos Quinquilláns. Tambén haberá unha proxección audiovisual sobre o autor.
Ás 19.00 horas dará comezo a representación da obra Cousas, e ás 20.30 horas o concerto do grupo Barahaúnda. A entrada será de balde. A iniciativa conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (área de Cultura) e do Concello do Vicedo.