Consulte aquí a completa programación de outono do Teatro Pastor Díaz de Viveiro
A MARIÑA
A tempada arrincará este sábado, 27 de setembro, coa comedia «Nin frores nin cordas», de 57 palabras teatro
24 sep 2025 . Actualizado a las 10:53 h.O Teatro Pastor Díaz de Viveiro iniciará este sábado, 27 de setembro, ás 20.30 horas, a tempada de outono coa representación da comedia Nin frores nin cordas, de 57 palabras teatro. Forma parte do Circuíto de teatro afeccionado e está dirixida a todos os públicos.
O sábado 4 de outubro, tamén ás 20.30 horas, Laia Producións amosará sobre as táboas a obra María Visitación Consolación Amadora, dirixida a público adulto. Unha semana despois, o sábado 11 de outubro, ás 20.30 horas, Teatro Noroeste chegará con Guerra, un drama dirixido a maiores de 18 anos incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA).
O sábado 18, ás seis da tarde, Magín Blanco, tamén dentro da RGTA, deleitará ó público co musical infantil A nena e o grilo camiño das cores. Sete días máis tarde, o sábado 25, Lydia Botana presentará o musical infantil, para nenos de 3 a 10 anos, titulado De aquí para alá coas emocións, dentro tamén da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Será ás 18.00 horas.
Xa en novembro, o sábado 8, Ibuprofeno Teatro representará a partir das 20.30 horas Reconversión, obra contemporánea dirixida a público adulto dentro da RGTA. O día 11, EducaTeatro Producións traerá Os tres porquiños, musical infantil, ás 20.30 horas.
O martes 18 e o mércores 19, o Centro Dramático Galego en coprodución con Os Monicreques de Kukas presentará a función escolar O carteiro de Ximaraos.
O sábado 22 terá lugar o tradicional Concerto de Santa Icía, coa Banda Municipal de Música O Landro, a partir das 21.00 horas, mentres que o sábado 29, dentro da RGTA, Talía Teatro presentará Un deus salvaxe, comedia recomendada para maiores de 13 anos. Será ás 20.30 horas.
No mes de decembro, Redrum Teatro amosará Os contos do Lobicán, unha función de monicreques para público de 3 a 8 anos o sábado 6, día da Constitución, ás 18.00 horas. O sábado 13, o Colectivo Cultural Ollomao amosará a traxicomedia dirixida a público adulto Dona Clara. Dará comezo ás 18.00 horas. Finalmente, o sábado 20, ás 20.30 horas, a Banda de Música O Landro ofrecerá o Concerto de Nadal.
Organiza as representacións o Concello de Viveiro co patrocinio da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego e a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A reserva de entradas pode realizarse de luns a xoves no teléfono 982 560 162, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico rgb.cultura@viveiro.es. Tamén na taquilla do teatro unha hora antes da función.