Este venres presentan en Foz o libro «El huevo de la serpiente. El nido de ETA en Madrid», de Sánchez Gatell, ás 20.30 na Librería Bahía
A MARIÑA

O sábado descubrirase unha placa á poeta Angelina Gatell na vila focense
24 sep 2025 . Actualizado a las 13:37 h.A asociación Movemento Artístico da Mariña (Movart- A Mariña) e a Librería Bahía de Foz, organizan este vindeiro venres, 26 de setembro, ás 20:30 horas, na referida librería, a presentación do libro «El huevo de la serpiente. El nido de ETA en Madrid», de Eduardo Sánchez Gatell, publicado pola editorial Betagarri Liburuak.
«Este libro -explican- é un testemuño en primeira persoa dos acontecementos que rodearon o atentado da Cafetería Rolando, o 13 de setembro de 1974 en Madrid e unha profunda reflexión sobre os perigos do dogmatismo, e as fatais consecuencias do uso da violencia coma ferramenta política». Á presentación acudirán o autor e a súa irmá, Mar Sánchez Gatell, quen ofrecerán aos asistentes unha perspectiva persoal daqueles sucesos.
Coma complemento deste evento literario o sábado, 27 de setembro ás 12:30 horas realizarase xunto ao mural do Movemento Artístico Pola Paz, situado fronte á Casa de Cultura de Foz, unha homenaxe á poeta Angelina Gatell, autora do poemario «Poema del Soldado», ganador del Premio Valencia de poesía do ano 1954, muller comprometida e loitadora polas liberdades e inspiradora da iniciativa artística e solidaria Movemento Artístico da Mariña (Movart- A Mariña). Neste acto de homenaxe descubrirase unha placa conmemorativa, e a súa filla, Mar Sánchez Gatell, recitará poemas da autora, acompañada pola música de Felipe Sánchez (Director da Escola Municipal de Música de Foz, e membro do grupo Toxo Guayaba).
Organizan estes actos o Movemento Artístico da Mariña (Movart- A Mariña) e a Librería Bahía de Foz, coa colaboración do Concello de Foz, a ACIA-Foz, e a Escola Municipal de Música de Foz.