Aphonnic ou Black Black Band tocarán no Callo Fest de Cervo o 26 de decembro

La Voz CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

En imaxe de arquivo, a banda viguesa Aphonnic
En imaxe de arquivo, a banda viguesa Aphonnic Carlos Meira

Amigos da Troula organizará o festival na Praza dos Campos en colaboración co Concello

03 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cervo, en colaboración coa Asociación Amigos da Troula, vén de anunciar o cartel oficial da sétima edición do Callo Fest, que se celebrará o venres 26 de decembro na Praza dos Campos de San Ciprián. Esta nova edición está pensada «como unha auténtica festa de pre-fin de ano, para gozar con amigos e en familia nun ambiente festivo, próximo e aberto a todas as idades». Tal e como apuntan desde a organización, o cartel deste ano reúne catro propostas moi potentes e variadas, capaces de satisfacer a un público diverso.

Aphonnic, banda viguesa de metal alternativo con máis de dúas décadas de traxectoria, é unha das formacións máis recoñecidas do xénero en Galicia. Este 2025 foron unha das bandas encargadas de tocar no Main Stage do Resurrection Fest, e contan con galardóns como o Premio Martín Códax da Música Galega 2017 na categoría de metal. Black Back Band traerá á Praza dos Campos o mellor tributo a AC/DC, cun espectáculo enérxico e cheo de rock clásico que fará vibrar ao público de todas as idades. Not Yet, banda mariñá emerxente de post-hardcore, presentará o seu primeiro traballo de estudo Two Steps to Rest. A súa presenza en festivais como o Resurrection Fest ou o Tsunami de Xixón confirma o seu gran momento e a súa aposta por un son actual e contundente. Until Dawn, formación de recente creación integrada por músicos con experiencia en proxectos como Sunday Morning Club e Lazy Bones, mestura o metal coa complexidade do rock progresivo, ofrecendo unha proposta chea de forza e personalidade.

A noite pecharase coa actuación da Disco Móbil Conxuro, que fará bailar a todos os asistentes.

Ademais da música en directo, o Callo Fest será tamén unha gran festa de fin de ano, coa celebración das badaladas ás doce da noite a modo de ensaio para dar a benvida ao novo ano en boa compañía e o reparto de racións de callos de balde entre as persoas asistentes. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que «o Callo Fest consolídase como unha cita indispensable no noso calendario cultural e festivo, un evento que combina música de calidade, convivencia e dinamización social».