Éxito total de la Gala do Emprendemento en Xove

La Voz

A MARIÑA

O alcalde de Xove cos premiados, Casa Labradela e Estética Marta
O alcalde de Xove cos premiados, Casa Labradela e Estética Marta Xaime Ramallal

Foron premiados Casa Labradela e Estética Marta, arroupados por moitos veciños; estivo organizada polo Concello

13 dic 2025 . Actualizado a las 20:13 h.

Destacar dous proxectos emprendedores arraigados no municipio e reivindicar o papel das mulleres e do rural son dous dos obxectivos da Gala do Emprendemento Rural que celebra anualmente o Concello de Xove, e que este venres acadou a súa sétima edición. O salón de actos municipal, no centro cívico, acolleu unha cita reivindicativa na que foi recoñecido o labor que realizan a diario nos seus negocios os irmáns José Ángel e Shaila García González, da explotación apícola e de porco celta Casa Labradela, e Marta Louzao Gato, que está á fronte de Estética Marta, no centro urbano.

O alcalde, Demetrio Salgueiro Rapa, presidiu unha cita na que se puxo tamén en valor o traballo que leva a cabo durante todo o ano o departamento de Emprego e Desenvolvemento Local, coa axente Rosa Lage Canoura, que ofrece asesoramento e acompañamento continuo ós emprendedores. «Non basta con ter unha boa idea. É necesario analizala, definila e tranformala nun plan de empresa viable», subliñan desde a organización.

O Concello de Xove busca que a difusión destas experiencias sirva «de inspiración» para as persoas que están valorando a posibilidade de convertir unha idea nun negocio.

Apartado musical

Da parte musical da gala, que foi presentada polo músico, cantante e mestre de cerimonias nesta ocasión Dani Ríos, ocupáronse a soprano Montserrat Cao e o pianista Martín Buchi Zimerman. Houbo ademais un número de danza creado expresamente para a ocasión por Elsa Palacios Gómez. A entrada foi libre e gratuíta.