Presentáronse 40 orixinais a este concurso que convoca o Concello de Mondoñedo e editará a novela Galaxia
27 dic 2025 . Actualizado a las 12:15 h.Luís Rei Núñez foi o gañador do II Premio de Novela Álvaro Cunqueiro coa obra «Elas dúas». O xurado deste premio, que ten carácter bianual, estivo constituído por Ánxela Gracián, Rosalía Morlán, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, aos que se sumou como secretario con voz e sen voto Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura do Concello de Mondoñedo.
O xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ao orixinal presentado baixo o lema «Escola Normal». Aberta a plica, o texto resultou titularse «Elas dúas» e ser da autoría de Luís Rei Núñez. O xurado destacou en «Elas dúas» a forza narrativa amosada para reconstruír «de xeito maxistral a Pontevedra de mediados do século XX, na que medra unha apaixonante historia de amor entre dúas mulleres que viven a súa relación alén das convencións sociais da época».
«Narrada con impecable oficio, este vívido retablo de personaxes sostén un relato no que o valor da amizade, a importancia da formación, a necesidade da raiceira familiar e, sobre todo, a luz do amor conforman un mapamundi de afectos e vivencias que converten estas páxinas nun admirable retrato do seu tempo e de todo tempo», sinalan.
O xurado significou e agradeceu o esforzo tanto do Concello de Mondoñedo como da Casa Museo Álvaro Cunqueiro na convocatoria deste premio, que gozou dunha alta participación, con corenta orixinais presentados a concurso. Así mesmo, o xurado deu as grazas polo seu apoio á Editorial Galaxia, responsable da publicación da obra gañadora, e á Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pola súa axuda en concepto de patrocinio.
Ao longo do primeiro trimestre do 2026 terá lugar en Mondoñedo a cerimonia de entrega do galardón a Luís Rei Núñez, quen recibirá entón o primeiro exemplar da obra publicada pola Editorial Galaxia.