
A alcaldesa Ana Ermida fai balance: «Estamos asistindo agora a un cambio moi profundo e en positivo»
20 abr 2025 . Actualizado a las 17:37 h.Barreiros está nun tempo de cambio, volve ocupar titulares pero cunha diferenza, en canto ao urbanismo hai orde e un proxecto de presente e de futuro para non perder a identidade propia como pobo. Tamén na súa aposta por un turismo sostible. Diso falamos coa alcaldesa, Ana Ermida (BNG).
— Ao actualizar agora a ordenanza da auga obrigades ás urbanizacións a instalar contadores en zonas comúns. É xa unha novidade.
— É prioritario concienciar en que a auga é un ben finito e moi valioso. Por iso hai que distinguir os usos prioritarios dos que non o son e, deste xeito, poder tomar medidas e ter control nestes consumos que afecten só a eses usos que son prescindibles. O consumo vinculado a estes usos non fundamentais teñen que estar sempre supeditados á cobertura de necesidades básicas.
—Pola contra, tamén bonificades a auga ás gandeirías.
— Precisamente o valor da auga toma especial relevancia na actividade agrogandeira, que o usa como ben fundamental na súa actividade, non podendo prescindir del. Estas actividades son grandes consumidoras de auga, pero ao tempo aportan un valor social e económico ao territorio que colectivamente temos a obriga de compensar. A actividade agrogandeira mantén o rural vivo e, se queremos que o noso rural siga a producir, a sociedade ten que contribuir ao seu mantemento, fóra de frases propagandísticas e con medidas efectivas coma esta.
—É posible lograr aínda en Barreiros o equilibrio entre un urbanismo sostible e a identidade propia como pobo?
—O obxectivo do urbanismo sempre debera ser facer espazos máis amables e agradables para vivir e traballar. E facelo aproveitando os recursos e respectando o territorio e as persoas que habitan nel. En Barreiros tamén. Por iso hai que crer na potencialidade que ten Barreiros e non pensar a curto prazo. Crendo en Barreiros e querendo o mellor para a súa xente, todo é posible.
—O goberno local que preside tamén quere aproveitar a A-8 e a futura A-74.
—Barreiros ten un parque empresarial ben situado e cheo de empresas. Facelo competitivo e situalo aínda en mellor posición é un traballo que se debe facer se o obxectivo é traballar polo futuro de Barreiros. Nós témolo claro e por iso queremos aproveitar cada oportunidade para facelo. Ter acceso a unhas vías de comunicación modernas e que comuniquen co resto de territorio é fundamental para que os sectores produtivos sexan competitivos, sabémolo ben nesta comarca, que levamos anos agardando por infraestruturas que nos conecten.
—Como está en xeral Barreiros neste momento?
—Estamos asistindo a un cambio moi profundo. O primeiro foi que Barreiros deixara de aparecer en titulares negativos e pasar a situalo no mapa das cousas boas. Pero tamén son tempos de cambios tanto a nivel municipal coma social. Somos un concello dinámico no que conviven moitas realidades e moi diferentes. Pouco teñen que ver as necesidades que poida haber nun núcleo puramente rural do interior do concello coas que poida demandar nova poboación que está chegando a vivir no noso concello, por exemplo. E con iso hai que convivir e xestionalo, con todas as limitacións que ten calquera concello, e máis do tamaño de Barreiros. Pero agora mesmo existe un goberno municipal que ten claro o obxectivo: que Barreiros avance poñendo todo o seu potencial ao servizo da xente e sen que as persoas perdan o dereito a mellorar, contar con servizos e sentir orgullo do lugar onde vive. Porque nós sentimos tremendo orgullo de Barreiros e de telo convertido nun referente en moitas cousas positivas.