O IES Perdouro, de Burela, formará a 12 alumnos para que logren o B1 de portugués

BURELA

Impartirá un curso que favorecerá a integración social de estudantes de orixe caboverdiana, brasileira ou portuguesa
05 oct 2021 . Actualizado a las 10:30 h.Seis estudantes de orixe caboverdiana, unha estudante brasileira, unha portuguesa e catro «autóctonos» terán a oportunidade de conseguir a titulación de B1 en Portugués no IES Perdouro, de Burela. O instituto solicitou este curso a través do programa Cuale, un proxecto para a formación complementaria do alumnado en linguas estranxeiras como preparación para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas en idiomas. O B1 é o primeiro dos niveis que puntúa nos baremos oficiais á hora, por exemplo, de preparar unha oposición. «Todo este alumnado vai acabar o curso cun título a maiores», resalta o profesor Bernardo Penabade, un dos principais impulsores dunha iniciativa educativa que tamén trata de fomentar a integración social.
Dos doce alumnos que cursarán o B1, catro estudan segundo de Bacharelato, cinco están en primeiro e tres cursan módulos de Formación Profesional. Para lograr o título realizarán probas de comprensión lectora, audición, exposición escrita e conversa. Este luns tivo lugar a presentación oficial do curso. Estaba prevista a asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, a directora do Perdouro, María José Pardiñas; o alcalde, Alfredo Llano; Nilda Borges, como representante da comunidade caboverdiana; e o profesor que impartirá as clases, entre outros.