![](https://img.lavdg.com/sc/MhJWlZxOyjNIJT0HXS0tVMDxIIw=/480x/2019/06/03/00121559585281965260695/Foto/XJ4C9F4_2066.jpg)
O cofundador e dirixente do Balonmán Viveiro nos últimos 33 anos pon fin a súa longa estancia na entidade «moi satisfeito» da súa labor, sobre todo na canteira
04 jun 2019 . Actualizado a las 12:10 h.O Balonmán Galipizza Viveiro non será o mesmo a partir de agora. Perde a un dos seus baluartes; senón o principal, si uns dos máis importantes e decisivos no incesante crecemento dun club ao que entregou máis de media vida. Enrique Villares (Cervo, 1959) foi uns dos fundadores en 1986, fixo funcións de adestrador e director deportivo e nos últimos 20 anos ocupou a presidencia. Sempre desde a humildade, a lealdade e o compromiso, por iso vaise coa cabeza ben alta e «moi satisfeito» da súa aportación, sobre todo nas categorías inferiores.
-Desta volta é definitivo, no hai volta atrás?
-Non haberá volta atrás. E teño que dicir que non me vou por cansazo, senón porque creo que será bo para o club, supoñerá un empurrón. Entendo que este terceiro fillo que para min é o Balonmán Viveiro xa está crecidiño e é o momento de que ande polo seu propio pé, e eu pois..., a aplaudir os seus éxitos e chorar as súas desgrazas. É necesario que eu desapareza, e máis neste momento de bonanza no que está o club.
-Non correrá perigo a continuidade do club ca súa saída?
-Que va, que va... en absoluto. De feito creo que xa está practicamente confeccionada a nova directiva e quedará en moi boas mans. Nestes momentos o club está completamente saneado e deportivamente está na máxima categoría autonómica, así que o único que fai falta é ilusión e ganas de traballar, e cónstame que o novo grupo vai sobrado diso. Non hai que esquecer tampouco que contamos cun plantel formado case ao 100 % con rapaces de Viveiro cun compromiso admirable e dos que estou moi orgulloso, para min non son xogadores senón heroes. Teñen que vender lotaría para pagar a súa ficha, cada 15 días fan unhas longas viaxes por Galicia adiante para deixar ben alto o pavillón de Viveiro... O primeiro partido da escola que xogamos, no ano 87, perdéramos 40-2 e moitos daqueles nenos estiveron despois no equipo sénior. Neste club apréndese a sufrir desde a base.
-¿Qué o mellor que se leva desta longa etapa?
-Voume cunha satisfacción plena, sobre todo por todo o gran traballo de canteira que fixemos. Nun sitio como Viveiro non é fácil reunir a tantos nenos e contaxiarlles a paixón polo balonmán. Xamais lle pechamos as portas a ninguén e recibimos cos brazos abertos a xente castigada noutros deportes. Competir ao nivel que o estamos facendo e cunha base sólida e formada na nosa base é un exitazo. Un dos momentos que lembro con maior emoción foi cando en 1991 recibimos da federación galega o premio á promoción deste deporte.
-¿E que foi o peor durante todo este tempo?
-O escaso recoñecemento. O nosos logros non tiveron o eco que deberían ter, valorábanse máis noutros lugares de Galicia. É certo que o balonmán non atravesa por un bo momento e ten moita menos repercusión que outros deportes, pero na diversidade está a riqueza dunha sociedade. Os médicos son necesarios, pero tamén o son os albaneis, os mecánicos, os carpinteiros... Esta mensaxe quixera que calara nos políticos e nas persoas que toman decisións no futuro do deporte. Cando chega a hora de repartir o pastel das axudas as sobras sempre son para o deporte, cando eu creo que debería ser ao revés. Primeiro o deporte e o que sobre para o resto.
-¿Cal cree que foi a mellor tempada do club no seu mandato?
-Estas últimas foron moi boas. Somos un equipo consolidado na máxima categoría galega e, como xa destacaba antes, cun grupo de xogadores no que practicamente todos saíron da canteira.
-Desde hai moitos anos o Balonmán Viveiro sempre aposta por adestradores cunha reputada traxectoria: Colic, Juan Fernández, Abel González...
-E non podemos esquecer a Álvaro Senovilla, Gaucho, ou mesmo Javi ou Pernas, persoas cunha boa cualificación. A aposta por técnicos de campanillas foi un dos nosos grandes acertos.
-¿Houbo un antes e un despois da chegada de Colic?
-Eu diría que si, e moito dese mérito correspóndelle a Juan Carlos Sierra, que foi o primeiro en dar o paso e traer a un campión do mundo como Colic. Descubrimos que había outro balonmán e a partires de aí non baixamos o listón de esixencia máxima.
-Non contaba ca pequena pero agarimosa homenaxe que lle brindaron na clausura do torneo da fin de semana.
-Emocionoume moitísimo.
-Non podo rematar sen preguntarlle pola polémica co OAR Coruña nese campionato de base.
-Non merece a pena falar dese tema. Quédome cas felicitacións que recibimos do restas das entidades participantes.