Miguel Fraga: «Foz é das poucas vilas onde o baloncesto é o deporte rei»

I.MEITIÍN BUJÁN

FOZ

Fraga foi presidente do Celtas de Foz desde o 2011 ata hai uns meses

16 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa aparición foi clave no rexurdimento do CB Celtas. Miguel Fraga (Foz, 1983) relevou na presidencia a José Antonio Sama no 2011 cando o club tocara fondo e competía en Terceira División, e deixa o cargo «satisfeito» da súa aportación e co equipo na máxima categoría do baloncesto autonómico, que non pisaba desde facía unha década. Durante estes oito anos tamén axudou na cancha como xogador e formou xunto a Pablo Castro un tándem entregado en corpo e alma á progresión do equipo

-Presentou a dimisión hai uns meses. O ascenso non o anima a rectificar e a presentarse á reelección?

-Levo oito anos e necesito un descanso. Os cinco primeiros estiven dedicado case ao 100 % ao club, o desgaste foi importante e nestes momentos atópome moi saturado. Volver ser presidente nin mo plantexo nestes momentos, aínda que iso non quere dicir que me desvincule completamente do club

-Seguirá xogando?

-A lesión que teño na cadeira estame a dar bastantes problemas, así que hai un 99 % de posibilidades de que me retire.

-Sería logo unha retirada un tanto agridoce...

-Podemos chamarlle así. O mal trago da lesión compénsase co ascenso a Primeira División dez anos despois.

-Foi esta a súa mellor tempada como presidente?

-Difícil elección. As dúas primeiras tamén foron moi boas. Ascendemos a Segunda e só un ano despois a Primeira, aínda que este non o fixemos efectivo por cuestións económicas

-E poderase afrontar este novo ascenso?

-Agora é distinto. Coa unificación da categoría este ano xa estabamos viaxando por toda Galicia. É certo que soben as arbitraxes e as cotas das fichas e demais, pero desta vez creo que é bastante asumible. En canto a compromiso e traballo, na nova categoría haberá que dar un bo paso á fronte.

-Unha última. Que significa o Celtas para os focenses?

-É un sentimento, como se puido comprobar na cea que fixemos do 40 aniversario; encheuse o restaurante e vías á xente emocionada. Foz sempre foi de baloncesto, unha das poucas vilas onde é o deporte rei, aínda que tamén hai moita afección ao fútbol.