Falece o artista Xosé Vizoso, deseñador de Sargadelos e premio nacional de Escultura
MONDOÑEDO
![](https://img.lavdg.com/sc/ZUi4U1PThS-vxjGgogkafOsktiY=/480x/2025/02/09/00121739102763507309419/Foto/s_20250130_163103000.jpg)
O creador, Fillo Predilecto de Mondoñedo, inaugurara recentemente dúas mostras. A capela ardente instalarase dende o mediodía deste luns no complexo funerario Apóstol Santiago, en Boisaca
09 feb 2025 . Actualizado a las 19:28 h.Mondoñedo amenceu este domingo coa triste nova do falecemento do artista Xosé Vizoso, nado neste concello mariñao no 1950 e todo un referente do deseño gráfico en Galicia. Hai só uns días, a finais de xaneiro, o creador recibira unha gran homenaxe polo Día da Ilustración 2025 nun acto celebrado na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, onde tivo lugar a inauguración da exposición «Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo», que seguirá aberta ata maio.
Sendo a primeira homenaxe deste tipo que se facía a un artista vivo, el recoñecíase entón «moi agradecido e moi feliz» e animaba a que en vindeiras edicións, sen esquecerse dos ilustradores históricos, se seguira recoñecendo «a tantos e tantas que aínda están vivos e activos e xa son mestres e guías a imitar».
Desde o Concello de Mondoñedo, que o nomeou Fillo Predilecto en marzo do 2017, tamén trasladaron as súas mostras de pésame polo falecemento do artista. Naquel acto, arroupado por case trescentas persoas, lembrouse que comparte ese título con Cunqueiro, Cabalena, Pedreira, Cal Pardo e tamén co seu profesor e guía, Puchades. Este domingo, desde o Concello emitiron unha declaración na que lamentan a perda de Xosé Vizoso, «artista recoñecido en toda Galicia pola súa extensa e icónica obra como deseñador, ilustrador, retratista, ceramista, grafista e muralista». O alcalde, Manuel Otero, en nome de toda a corporación municipal, transmitiu as condolencias á familia e aos amigos. «A súa creatividade deixa un legado dun valor incalculable e a súa xenerosidade un fermoso recordo en todos os que coñeceron. Desde as administracións públicas temos a responsabilidade de que a súa obra perdure no noso acervo cultural», reiteran desde o Concello.
Tamén o concelleiro mindoniense Alberto García se manifestaba esta mañá a través das súas redes sociais: «Veño de coñecer a través do noso cronista oficial a triste nova do falecemento de Don Xosé Vizoso, gran artista mindoniense e Fillo Predilecto do Concello de Mondoñedo», trasladando as súas mostras de pesar a familia e amigos e recoñecéndo como «un dos mellores deseñadores ilustradores, grafistas e muralistas de Galicia».
Desde o Concello de Brión, onde Vizoso residía, tamén se pronunciaron: «Lamentablemente, Brión está de loito polo falecemento do noso ilustre e benquerido veciño Xosé Vizoso. Un pensar extensible a todo o mundo da cultura galega que acaba de perder un referente. Premio Nacional de Escultura (1968), alma máter da cerámica de Sargadelos, recoñecido ilustrador. Unha figura destacada das artes plásticas galegas e, sobre todo, unha persoa que sempre se caracterizou pola súa inmensa bondade e xenerosidade con quen o rodeaba». O Concello anunciou que este luns 10 de febreiro, dende as 12.00 horas, a capela ardente permanecerá instalada no complexo funerario Apóstol Santiago, en Boisaca. Tamén está previsto un acto cívico na súa honra para este luns pola tarde. Trasladan o pésame a amigos e familia de Vizoso: «Un home bo e xeneroso, unha persoa comprometida coa nosa cultura, un mestre inspirador e un amigo leal. Permanecerás por sempre entre nós, máis alá teu legado artístico, nos nosos corazóns. Descansa en paz». O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, asinará este luns o decreto para declarar o loito oficial no Concello de Brión polo pasamento de Vizoso.
Ao longo da xornada fóronse sucedendo as mostras de pésame. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, publicou nas súas redes: «Triste nova para a arte deste país. O falecemento de Xosé Vizoso, ao que xustamente lle dedicamos este ano o Día da Ilustración, supón a perda dun creador referente na historia gráfica de Galicia. Unha fonda e sentida aperta para a familia e amizades». Tamén o Bloque Nacionalista Galego de Brión lamentaba o falecemento «dun artista irrepetíbel que soubo, coma poucos, beber da cultura popular para alimentar o seu xenio creador en ámbitos tan distintos como a escultura, a ilustración ou o deseño. E esa obra, retornada ao pobo, constitúe o seu legado imperecedoiro». Destacan os cartaces deseñados por Vizoso para a romaría da Santa Minia brionesa ou das súas festas natais das San Lucas de Mondoñedo, pero tamén o seu traballo «en moi variadas pezas de cerámica de Sargadelos, onde traballou catro décadas man con man con Isaac Díaz Pardo, o que o levou tamén a deseñar e ilustrar para a súa editora, Ediciós do Castro». Os nacionalistas recoñecen que hoxe «non é só Brión o que está de loito por perder un veciño ilustre, senón tamén o pobo galego, porque a obra de Vizoso estaba profundamente apegada á nosa terra e son centos, senón milleiros, os fogares con algunha creación súa. Hoxe é un día triste para a cultura galega».
![Xosé Vizoso, entre Puchades e Reigosa, na homenaxe recibida en Mondoñedo](https://img.lavdg.com/sc/yLlmxKw88WoRA1fYZra2wMB6tWw=/480x/2025/02/09/00121739101682126995434/Foto/X25M7036.jpg)
Na mostra «Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo» o discurso expositivo percorre a obra deste polifacético creador desde as súas primeiras creacións, incluíndo desde un retrato da súa nai que fixo con 14 anos ao primeiro cartel das festas das San Lucas de Mondoñedo, que despois acabaría deseñando durante moitas edicións. Recoñécense tamén as catro décadas deseñando para Sargadelos e a súa importante obra como ilustrador, con máis de 300 cubertas para Edicións do Castro e outras editoriais dentro e fóra de Galicia, entre outros traballos ao longo da súa traxectoria como debuxante, deseñador, ceramista, cartelista, muralista e caricaturista.
Ademais, en Lugo pode verse a escultura «San Froilán», na que o artista fai unha reinterpretación da iconografía clásica do patrón da cidade de Lugo, «recoñecido pola mitra de bispo, o báculo e o lobo que camiña ao seu lado, realizada a base de ensamblar placas de ferro de diferentes formas coas que obtén unha representación esquematizada», segundo apuntan desde a Rede Museística Provincial. A escultura pode ser visitada na exposición «Universo Vizoso», comisariada por Aser Álvarez, ata o mes de abril na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo.
Entre outros múltiples recoñecementos ao longo da súa traxectoria, Xosé Vizoso recibiu o Premio Nacional de Escultura en 1968. Destacan as súas tarefas de restauración da Catedral de Mondoñedo, entre 1966 e 1968, ademais de asinar o cartel do centenario do Celta de Vigo. Recentemente tamén o Concello de Brión, onde residía actualmente, homenaxeou a este creador cunha exposición dos carteis deseñados polo artista na biblioteca municipal.