As xentes do pobo despediron a Vizoso na súa «viaxe ó Mondoñedo do alén, onde o tempo non ten principio nin fin»

MONDOÑEDO
Ducias de veciños de Mondoñedo e Cervo, traballadores da fábrica de Sargadelos e representantes da vida cultural asistiron ó enterro das cinzas do artista no cemiterio municipal
16 feb 2025 . Actualizado a las 11:46 h.Xosé Vizoso (1950-2025) deseñou boa parte das vaixelas e figuras de Sargadelos, da cerámica que é símbolo da alma de Galicia polo mundo adiante, ou moitos dos carteis que cada outono anunciaban a chegada das San Lucas de Mondoñedo ou a Queimada de Cervo no verán. Tamén ilustrou libros, preparou escenografías teatrais... Alumno destacado do profesor Juan Puchades no instituto San Rosendo, foi Premio Nacional de Escultura e figura homenaxeada no Día da Ilustración de Galicia deste ano. Pero Vizoso nunca deixou de ser o fillo de Venancio de Zocas e Josefa de Moleainas, unha parella que baixou de Zoñán a Mondoñedo coa ansia de labrar un futuro para os seus catro fillos: Azucena, Venancio, Xosé e Suso. E todas as facetas do prolífico artista que xa de neno debuxaba cabalos se deron cita este sábado no cemiterio municipal de Mondoñedo, onde foron enterradas as súas cinzas, gardadas nunha peza de Sargadelos que levaba un lapis. Os seus paisanos, as xentes do pobo, despediron a Vizoso na súa «viaxe ó Mondoñedo do alén, onde o tempo non ten principio nin fin», como destacou o cronista oficial, Antonio Reigosa, durante as palabras que pronunciou nun acto especialmente emotivo. O grupo de gaitas de Souto Xímaro, de Vilanova de Lourenzá, tocou o Antergo, o Himno do Antigo Reino de Galicia, e o Himno Galego, musicado por outro mindoniense ilustre, Pascual Veiga.
A muller de Vizoso, Beatriz, e os seus dous fillos, Daniel e Pepe, foron arroupados no acto por multitude de xente que dalgunha maneira tivo contacto co finado. Ducias de veciños de Mondoñedo e de Cervo, o profesor Juan Puchades con 90 anos cumpridos, traballadores de Sargadelos (tanto actuais como membros da plantilla «histórica», que traballou man a man con Díaz Pardo e con Vizoso), representantes de colectivos culturais como Rafa Blas, de Airiños do Xunco; José Antonio Ares, presidente da asociación O Pasatempo; Luis Fernández Ansedes, de Abrindo Camiño; Miguel Paz e Miguel Souto, presidente actual e anterior da asociación As San Lucas; o profesor e coordinador do proxecto Neo, Bernardo Penabade, o actor e impulsor do Teatro das Cortes Pepe Penabade, o profesor e excoordinador de Promagal, Ramón Reimunde, o xornalista Perfecto Conde..., persoas chegadas doutros puntos de Galicia, o profesor Francisco Piñeiro, coñecido polo seu traballo en Cervo co grupo de teatro O Bordelo; Caxigueiro, Caxoto, Celso Dourado, Félix Villares (deán da Catedral de Mondoñedo)..., a directora do CEIP Álvaro Cunqueiro, Teresa Freire; Jesús Blázquez, responsable de Ediciones 98, que publicou A taberna de Galiana, recompilación de artigos de Cunqueiro; o escritor Xe Freire, o exconcelleiro do BNG Xusto Fernández Haro, o impresor Fernando López, que foi dono da imprenta Sucesores de Mancebo durante décadas... a lista de asistentes admiradores da dimensión artística e humana de Vizoso é longa. Rogelia Mariña, traballadora emblemática dun Sargadelos ó que entrou a traballar con 14 anos, recordábao como «un artista». «Sería bo tratar de conservar o que foi Sargadelos e os deseños de Vizoso», comentou, e lamentou que a dirección actual da fábrica non emitise ningún comunicado trala morte de quen foi un dos seus deseñadores de cabeceira. No cemiterio tamén falou Chus Amieiro, hostaleira e escritora.
Uns e outros recordaron con cariño anécdotas dun home que definiron como «alegre, sincero, tranquilo e xeneroso». Moi emocionado se amosou o alcalde, Manuel Otero, que o coñecía desde neno e que convidou a acompañalo ós membros da corporación que estaban presentes, cos voceiros da oposición, Esperanza González e Eloi Cabanas á cabeza, e os concelleiros Manuel Tapia e Patricia Otero. Porque Vizoso, que foi nomeado Fillo Predilecto da súa vila natal no 2017, «era de todos».
«Nese lugar imaxinario do alén encontraraste con moita xente de por aquí. Ademais de coa túa familia, de teu pai, túa nai, irmáns..., con outra xente que coñeces e xente que te coñece e sabe de ti. Eles saben que levas o lápis canda ti e que os vas retratar, que lles vas debuxar os carteis das festas de por alá, que lles vas deseñar a louza que usan nas súas cuchipandas, que lles ilustrarás os libros e construirás as escenografías e as caretas coas que se representa o tempo que non ten principio nin fin. Alí atoparaste cos alfareiros que homenaxeaches, cos teus paisanos da nenez, con Claudino, con Loureiro e con Pancho. Será, é, en realidade, como volver a empezar. Xa me gustaría a min, algún día vai ser, seguro, escoitar os vosos faladoiros. Imaxino a Leiras debatendo de política ou relixión con Noriega, a Cunqueiro dicíndolle á rula: 'Pase miña señora'. E é a alma túa a que despides coma unha ave. Á actriz Manuela Rey contándoche das noites alegres de Lisboa. A Lence facendo reconto pormenorizado das mil e unha batallas que tivemos os mindonienses e que case nunca gañamos. E a ti, atento a todo, a todos e a todas, sen perder detalle das conversas mentres ris e cunha man alisas o mostacho mentres que coa outra lles debuxas a caricatura exacta nunha servilleta de papel. Vizoso, por que non te vexamos nin escoitemos as túas risas de aquí en adiante, nin saibamos que se achegan As San Lucas cando por setembro se publicaban os teus carteis, non te imos esquecer. Ti fai por alá, goza, que nós por acó temos na vida aínda moita labor que facer. A túa vida fala moi ben de ti, pero non é suficiente. Nós aínda che debemos varias rondas de agradecementos, aínda nos queda procurar que o que nos deixas en herdanza fale moito máis, moito máis alto e forte de ti. Por ti. Descansa, amigo, que moito o mereces!», rematou Antonio Reigosa.