










Estudantes de distintos concellos da comarca participaron este martes nos distintos actos do Correlingua, que cumpre 25 anos
21 may 2025 . Actualizado a las 13:30 h.Máis de 850 escolares da comarca inscribíronse para participar este martes en Mondoñedo nos distintos actos do Correlingua, que cumpre un cuarto de século. Houbo foliada, andaina, festa, sol... unha gran celebración para promover o uso do galego entre a mocidade. Estaban previstas actuacións de Mekánika Rolling Band, de Paco Nogueiras...
Ademais, neste ano no que o Día das Letras Galegas está adicado ás cantareiras, tamén se escoitaron as voces e as pandeiretas dos e das estudantes.
A lectura do manifesto reivindicativo estaba prevista a cargo do alumnado do IES Perdouro e do IES San Rosendo e nel, entre outras ideas, os rapaces e rapazas quixeron transmitir esta mensaxe: «A mocidade galega sae á rúa para demostrarlle á cidadanía que temos a forza e a determinación para defender o futuro da lingua. Porque somos unha mocidade comprometida».
O Correlingua está organizado pola CIG-Ensino, A Mesa Pola Normalización Lingüística e AS-PG, e conta co apoio do Concello de Mondoñedo e da Vicepresidencia da Deputación.
A deputada de Cultura Iria Castro participou na xornada e agradeceu «a implicación da comunidade educativa nestas iniciativas pola lingua», á vez que incidía na necesidade de «manter vivo o orgullo e a reivindicación da lingua entre as nenas e nenos para reverter a perda de falantes que se está rexistrando especialmente entre a mocidade».
Desde a Deputación confirmaron que participou alumnado dos colexios Caselles Rollán de Xove, Península da Paz de Cervo, Juan Rey de Lourenzá, Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, Gregorio Sanz de Ribadeo, os institutos de Foz, Perdouro e Monte Castelo de Burela, Vilar Ponte de Viveiro, Dionisio Gamallo e Porta da Auga de Ribadeo, Illa de Sarón de Xove e San Rosendo de Mondoñedo, acompañado por profesorado.