Xesús Pisón e Manuel Lourenzo ofrecen un encontro teatral o venres en Alfoz
O VALADOURO

A cita será presentada por Lionel Rexes e haberá dúas lecturas dramatizadas
15 ago 2023 . Actualizado a las 18:50 h.Os prestixiosos dramaturgos Xesús Pisón (O Valadouro, 1954) e Manuel Lourenzo (O Valadouro, 1943) ofrecerán este venres, 18 de agosto, un encontro teatral en Alfoz. Levará por título «O noso teatro», e dará comezo ás 20.30 horas na Casa da Cultura. A presentación da cita correrá por conta de Lionel Rexes. A continuación haberá dúas lecturas dramatizadas. A primeira será sobre a obra «Nai vella», de Xesús Pisón, e será interpretada por Inma Orol. A segunda delas terá como base «Belicosario», de Manuel Lourenzo, e a súa interpretación chegará da man de Pepa Lorenzo. A continuación, os dous autores falarán sobre os seus comezos no mundo do teatro. O encontro rematará cun coloquio.

«Materna»
O ano pasado, tamén en agosto, Pisón e Lourenzo prepararon con actores no profesionais «Materna». Unha obra que aborda «o mundo da maternidade no mundo de hoxe, e todos os conflitos que pode ter ou ten unha nai cos fillos no sistema no que vivimos, no modo de vida occidental. Conflitos nos que ás veces son vítimas os fillos, ás veces as nais, ás veces ninguén, ás veces os dous...», resumiu entón Pisón.