Nuno Pico non para: presenta o novo disco de Grande Amore e roda unha curta con Xaime Miranda

O VALADOURO

Nuno Pico, Mariagrep y Clara Redondo forman Grande Amore.
Nuno Pico, Mariagrep y Clara Redondo forman Grande Amore. AIGI BOGA

A cinta «parte da idea de que ás veces os recordos non se corresponden coa realidade», sinala o guionista

20 sep 2023 . Actualizado a las 19:52 h.

O teléfono bota fume. «O choio» acumúlase estes días para o mariñao Nuno García Pico (O Valadouro, 1995), que baixo o nome Grande Amore vén de publicar «II», o seu segundo disco, e que roda na Mariña «Hippocampus», unha curtametraxe da que fixo o guion e que dirixe o cervense Xaime Miranda. Este mércores, de volta da Mariña, atendía varias entrevistas e ensaiaba; o xoves regresará a Barreiros para participar de novo na rodaxe; o venres presentará o álbum cun concerto en Santiago de Compostela; e ao día seguinte participará nunha conferencia con Ugía Pedreira, tamén na capital galega, sobre a escritura de cancións.

En «Hippocampus», ri Nuno, a súa participación «limítase á escritura do guion e a levar os cafés». Guionista e director da curtametraxe, que traballaron xuntos en varios videoclips, tiñan desde hai tempo a idea de traballar nalgo xuntos.

«Queriamos facer unha curta que tratase como todos nos creamos ficcións na cabeza a partir de recordos que non se corresponden exactamente coa realidade», explica Nuno. Pico e Miranda materializaron esta reflexión «nunha historia de amor que non chegou a ser. Un ancián vive atormentado coa lembranza dunha relación que non chegou a bo porto porque el non se declarou. El queda con ese lamento, e a tecnoloxía dálle a oportunidade de volver a vivir o momento que el queira. Daquela, el elixe unha tarde para poder expresarlle os seus sentimentos a esta persoa, pensando en que será correspondido. Pero algo se torce», engade.

A praia das Pasadas, en Barreiros, o restaurante A Ribeira e as Cabanas da Barcela son as localizacións principais da peza audiovisual. A utilización de emprazamentos da Mariña como escenarios de rodaxe é «marca da casa» das producións de Miranda, gañador de varios premios Mestre Mateo.

O realizador cervense presentará mañá en Lourenzá (Pazo de Tovar, 19.00 horas) a curtametraxe «O Neno e a Sombra», que contou con Manuel Lourenzo e Miguel de Lira e que se financiou grazas a crowdfunding.

Para ver o resultado de «Hippocampus» haberá que esperar. «Agardamos que canto antes, pero os tempos do audiovisual son diferentes», admite Pico. Elaborar unha curtametraxe é moi distinto que realizar un álbum. «Hai un maior orzamento, unha maior participación colectiva e a verdade é que o desfruto moito», apunta.

Como a cabeza non para, Pico xa está pensando na terceira entrega. «Gustaríame que non pasase tanto tempo como pasou entre o primeiro e o segundo disco. Agobiaríame estar ata o 2025 facendo estas mesmas cancións. Por un lado, é algo propio de agora a tensión de quitar de forma habitual cousas novas; pero por outra banda, penso que sempre ocorreu que cando os proxectos están fervendo non te queres estancar e tentas ir publicando material», afirma.

O día 23, dentro do marco do festival Maré, conversará coa focega Ugía Pedreira sobre a influencia que ten o territorio na creación das cancións. Como influíu A Mariña na escritura de Nuno Pico? «Dunha forma ou doutra, acábase reflectindo», sinala o músico valadourense. «Seguro que dunha forma máis fonda, pero simplemente na forma de falar, de expresarme, porque eu non neutralice o meu acento ou use termos máis neutros, procuro que sexa o máis natural. O humor tamén, supoño, aínda que nestas cancións está menos presente. A idiosincrasia dun lugar amósase en moitas cousas e seguro que na música tamén», concede.

Despois de videoclips como «Pelea», rodado na Parrillada San Pedro, en Alfoz, «Ben Sabe Dios que o Intentei» ou «Onde ela me quere levar», que abren escenas da historia familiar de Pico en Freixulfe (O Valadouro), a publicación de «II» tivo unha gran acollida, recomendando o álbum varios medios de comunicación especializados.

Pico presentará o disco cun formato de directo acompañado de Clara Redondo e Mariagrep. A xira de presentación de «II» comeza este venres en Santiago de Compostela (Sala Malatesta), e pasará este ano por Ourense (o 21 de outubro, no Our Fest), Chantada (27 de outubro, no Castañazo Rock), León (22 de decembro, Sala Espacio Vías) e Oviedo (23 de decembro, Sala La Salvaje). O primeiro concerto do ano que vén será en Madrid (20 de xaneiro, Sala El Sol, durante o Inverfest). Ademais, hai outros dous recitais pendentes de confirmación na provincia de Lugo, un deles na Mariña.

Pico está sorprendido polo ben recibido que foi un traballo máis crú que o anterior. «Eu quedei moi contento con el, aínda que é certo que é máis escuro e o primeiro disco tiña cancións máis desenfadadas. Pero todos os comentarios están a ser positivos. Vimos de tocar moito na tempada de festivais e aínda así a xente responde para estes concertos de fin do verán e outono», resalta.