A Xunta, Ribadeo e Trabada buscan unha solución ao problema de abastecemento de auga

La Voz RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta e os concellos de Ribadeo e de Trabada acordaron onte impulsar conxuntamente unha solución ao problemas de abastecemento de ambos os dous municipios, co cofinanciamento, tamén, da Deputación Provincial de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantiveron un encontro co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e coa alcaldesa de

Trabada, Mayra García, na que abordaron a situación que viven os dous municipios polo grave deterioro das redes municipais de abastecemento de auga.

Na xuntanza, a conselleira trasladou a súa vontade de cooperar cos municipios para que poidan garantir o abastecemento de auga á poboación, de acordo coas súas competencias. Con ese fin, Augas de Galicia procederá de forma inmediata a tramitar a revisión e proxecto de renovación integral das tubaxes da rede de abastecemento de Ribadeo. Ese documento técnico, redactado no ano 2011, debe de ser revisado e supervisado antes da súa aprobación.

Son necesarios 6 millóns

A actuación, que consiste na renovación de preto de 20 quilómetros de tubaxes, require dun investimento de preto de 6 millóns de euros, polo que resulta imprescindible a participación das catro administracións (local, autonómica, provincial e estatal) para facelo viable, segundo sinalaban dende a Xunta.