Oliva García Trasancos: «Para os voluntarios, o recoñecemento é un grazas, un sorriso»
RIBADEO
É a primeira muller en liderar a entidade e buscará actualizar a súa normativa
24 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Oliva García Trasancos (Ribadeo, 1971) é a primeira muller que preside a Asociación Provincial de Agrupaciones de Protección Civil, creada hai 23 anos. Afable, con carácter e con sona de traballadora defende o labor dos voluntarios, non sempre recoñecida. Ela comezou hai 24 anos, ingresando na agrupación de Bergondo, onde xa estaba o seu home, porque precisaban xente.
—Hai brecha de xénero no corpo?
—Non. Hai anos pode ser. Penso que segue a haber menos presenza da muller en Protección Civil e emerxencias non pola brecha, senón porque elas non optan, non asumen que poden facer o mesmo ca eles. Na agrupación de Bergondo, que lidero, somos 40 voluntarios e hai 12 mulleres.
—Hai falta de voluntarios?
—Na provincia levamos moitos anos, o 75 % das agrupacións teñen case 25 anos e algunhas chegan aos 40 e xa están moi consolidadas. O tema do voluntariado flutúa. O ano do covid deu un subidón, e despois estabilizouse, na emerxencia da dana, na que se viu o traballo, volveu un pouco para arriba.
—Recoñecen o seu servizo?
—Non creo que a sociedade sexa consciente do que somos, que estamos cando hai grandes emerxencias, nas catástrofes e logo esquécese, sobre todo, no día a día. A nivel institucional hai recoñecemento, do Estado e da Xunta, pero ese día a día a pé de calle... Hai concellos nos que se esqueceron que hai 4 anos eramos nós os que estabamos na rúa, levando os medicamentos. Moitos veciños non son capaces de entender que os voluntarios regalen o seu tempo. Moita xente cre que teñen a obriga e que cobran. Eles regalan o tempo, a experiencia, o traballo e a formación. Para nós, o recoñecemento é un grazas, un sorriso, pero a nivel global aínda non son conscientes de que se os voluntarios desaparecen pode haber máis problemas.
—No seu caso, cal é o seu traballo e onde saca o tempo?
—É un tema de organización. O meu traballo está vinculado a Protección Civil, son administrativa na asociación nacional. Non temos hora, polo que hai que delegar e distribuír o traballo. Somos un equipo e as carencias que teñen uns implementámolas entre todos. É comprometido, pero cando nos metemos xa o sabiamos.
—Cal é o servizo que lembra máis?
—Para moitos de nós é o Alvia. Foi unha emerxencia moi traumática, moi complexa, nunca nos atopáramos cunha igual. Os que levamos moito tempo estivemos no Prestige, nos incendios brutais de 2022, no volcán da Palma (no meu caso como secretaria da asociación), pero o do Alvia foi difícil de asimilar.
—Están suficientemente dotados?
—Dende 2015, a Xunta distribúe material e hai axudas para gastos ordinarios. As agrupacións galegas deberían estar orgullosas do material que da a Xunta.
—Que ve como reto do cargo?
—Levo 14 anos como secretaria, pretendo, seguir a liña de asesoramento as agrupacións e fomento do voluntariado nas que estean baixiñas. Hai cousas que mellorar en lexislación, está obsoleta e pode dar pé a malas interpretacións. O noso decreto é do 2000 e debería actualizarse.