
Test moi persoal con Óscar Rodríguez, alcaldable do PP en Viveiro, quen propón aos viveirenses «votar persoas e proxectos»
17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Artesán, empresario e presidente do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, Óscar Rodríguez Blanco estréase en política como candidato do PP á alcaldía de Viveiro. Concorre como independente co principal partido da oposición. De 61 anos, ao rematar unha entrevista para a que fai oco na súa apretada axenda, láiase de no ser preguntado pola pintura, da que se declara tan apaixonado que «cada ano reservo unha parte das vacacións para ver obras».
-Onde vive? Casa propia ou alugada?
-No casco histórico, en casa propia.
-Cantas horas dorme ao día? Lembra que soñou hoxe?
-Entre cinco e seis, aproximadamente. Non lembro que soñei, creo que non me dou tempo
-Ve a televisión? Series, cine, informativos, documentais...? Ten plataformas de pago?
-Vexo pouca televisión. Normalmente, os partidos do Deportivo fóra e algún documental, se me entretén... É difícil que me enganche algunha película porque a esas horas adoito descansar. Non teño plataforma de pago.
-Que libro volvería a ler?
-Agora estou lendo unha triloxía de Pérez Reverte. Cal volvería a ler? Tráeme un grato recordo, porque sendo moi rapaz supuxo o meu inicio á lectura, Sinuhé, el egipcio, de Mika Waltari.
-Cando foi por última vez ao cine? Lembra a película?
-Aquí, en Viveiro, fará un par de meses, pero non lembro o título.
-Se lle desen a elixir, con quen tomaría algo agora mesmo?
-Con Pérez Reverte.
-Café, caña, refresco, viño...?
-A estas horas [pasan das dúas e media da tarde do xoves], posiblemente un bo godello.
-A cal dos outros cinco candidatos de Viveiro invitaría?
-A todos.
-Cando foi por última vez a cear con amigos?
-Vou moi a miúdo... Onte.
-Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?
-Crieime nas casas baratas de Xunqueira, onde vivín desde os tres anos ata os vinte e tres. Síntome moi identificado e satisfeito con ese barrio, conservo todos os amigos, facemos reunións e xuntanzas todos os anos... Dos dez ós vinte anos foi unha época preciosa, de amigos, de diversión, de xuventude san...
-Ten coche? Cal e desde cando?
-Un Audi Q5, desde fai ano e medio aproximadamente.
-Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?
-Teño seguro e dúas tarxetas, unha da empresa e unha propia.
-A que non estaría disposto a renunciar pola actividade política?
-Nunca renunciaría á familia, é o primeiro, son moi namorado da familia. Tamén son moi namorado da liberdade e da democracia, sempre procuro delegar e aceptar de bo grado as críticas.
-Cal é a súa festa preferida en Viveiro?
-Moitas... Non sabería, pero vivín moi intensamente Bágoas da Terra e sigo sendo un asiduo, un fan número, un incondicional da Mostra Folklórica Internacional.
-Que será o primeiro que fará o 27 de maio?
-Depende de se saco maioría absoluta, porque sen ela non sabes se vas a ser alcalde... Aínda non sacando, igual hai algún partido que ten a ben vir con nós para proporcionarlle un cambio a Viveiro. Pero se o 27 son alcalde, o primeiro que vou a facer, seguro, seguro, é repasar por onde podo empezar a traballar arreo por Viveiro o día 28.
«Temos un programa ideal para calquera disposto a botar unha man por Viveiro»
Despois do test moi persoal co alcaldable viveirense do PP, toca entrar na clave política, un mundo novo para Óscar Rodríguez.
-Por que se presenta ás eleccións?
-Porque o grado de conceptos comprometidos para Viveiro se eu me presentaba pareceume importantísimo, e parecíame un acto de egoísmo tremendo dicir que non, ofrecéndome compromisos para Viveiro que considero básicos e importantes.
-A que pode comprometerse cos veciños?
-A nivel persoal, a traballar moitísimo, arreo, como levo facendo toda a vida. Comprométome a moverme fóra, por onde sexa, porque tal e como está o Concello e co nivel de débeda que hai, son consciente de que para poder xestionar isto hai que traer recursos de fóra. Tamén son moi camaleónico e normalmente sempre me adapto moi ben ás circunstancias. O meu obxectivo primordial é Viveiro, Viveiro, Viveiro, e estar totalmente centrado en Viveiro.
-Resuma en tres as súas principais prioridades para Viveiro.
-Complicado dicir tres, é difícil separar tres de todos os puntos que teño comprometidos. Podería dicilos todos, pero se hai que resumilos, un é o museo da Semana Santa, que me leva a vida, porque vai a potenciar o turismo durante 365 días ao ano. Outro é a adecuación da estrada Viveiro-Cabreiros, aumentando sete zonas de adiantamento, mellorando o trazado das curvas e colocando proteccións para evitar o acceso de animais soltos, medidas simultáneas ao proxecto de desdobre. E outro a fachada marítima de Viveiro, toda, porque a temos totalmente desordenada nunha cidade cun potencial turístico tremendo. Hai outros catro, cinco ou seis puntos que me levan a vida igual.
-Xa explicou cal sería a súa primeira decisión de ser elixido alcalde e tamén deixa entrever a posibilidade de pactos de non acadar a maioría absoluta...
-Teño un programa e, repito, comprometido, o que poñería en negriña porque creo que é un programa é ideal para calquera partido disposto a botar un man por Viveiro, para avanzar e para meter ao concello no seu punto. Imaxino que se gañamos as eleccións non vai haber reticencia por parte de algún grupo político en virse con nós, se verdadeiramente lle interesa Viveiro no nivel no que nos interesa a nós. Aquí, agora mesmo, o obxectivo é gañar. Se gañamos, dubidaría moitísimo que algún dos partidos políticos que nos van a acompañar nas eleccións non tomara a decisión de abarcar este programa con nós.
-Que lle pediría aos viveirenses o día das eleccións, o 26M?
-Non é momento de votar siglas, é o momento de votar persoas e proxectos.