Camino Casabella, pintora: «Nin os coidados nin o traballo non remunerado da muller se valoran como merecen»
VIVEIRO
Vinteoito pinturas da alfocense que rachan cos estereotipos de xénero representando a figuras como Vero Boquete ou Yoko Ono foron expostas en Viveiro
19 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O de Fernanda Arrojo Novoa, unha muller lucense con parálise cerebral, unha discapacidade que lle afecta á motricidade e á fala e que ten superado todo tipo de barreiras, é o cadro máis recente de Camino Casabella (Lugo, 1978), a pintora que recentemente expuxo en Viveiro «Heroínas de tódolos días», unha mostra na que presenta 28 pinturas sobre lenzo en acrílico que trata de rachar cos estereotipos de xénero e combater a discriminación. «Fernanda Arrojo —resalta— é das poucas persoas con esa condición que estudou unha carreira. Fixo Traballo Social en Madrid, conseguiu un traballo e vivir como unha persoa independente superando moitos obstáculos. Non só os propios da discapacidade senón tamén os de persoas detractoras que non lle facilitaban o camiño, que non a trataban como unha compañeira senón como unha carga. Agora preside Aspace Lugo e é directiva de Aspace Galicia», destaca Casabella, cuxas familias materna e paterna son de Alfoz.
Texto cun código QR
Cada unha das pinturas vai acompañada dun texto que se pode ler na web da autora escaneando un código QR. En todas elas, Camino trata de «captar a esencia e a personalidade» da muller retratada. Con esa finalidade emprega cores luminosas. «Representan o futuro e transmiten unha sensación optimista e alegre», apunta unha muller que pintou tamén, entre outras moitas, á cantante Sinèad O’Connor, á artista e activista Yoko Ono, á futbolista Vero Boquete ou á activista medioambiental Greta Thunberg. A exposición púidose visitar na sala de exposicións da Biblioteca Municipal de Viveiro ata hai uns días. Nos meses de outubro e novembro chegará ás instalacións do Vello Cárcere, en Lugo capital, mentres que en decembro terá como escenario Teo, no local da escultora María Xosé Díaz. «O obxectivo é reivindicar o papel da muller, facernos visibles. As mulleres pioneiras moitas veces quedan invisibilizadas, en segundo plano, esquécense os seus logros, e é necesario contribuír a difundilos, a transmitírllelos a outras mulleres para que teñan ese coñecemento que gañaron con tanto esforzo», avanza Casabella.
Camino Casabella, pintora: «Nin os coidados nin o traballo non remunerado da muller se valoran como merecen»
Licenciada en Belas Artes, Camino Casabella tamén estoudou Serigrafía na Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón, en Lugo. Ademais é profesora de Debuxo en secundaria, actualmente no IES da Pastoriza, e dedícase á creación. «Desde o 2019 non fixera ningunha exposición individual, salvo unha virtual no confinamento», comenta unha artista que trata de poñer en valor as historias de «mulleres ordinarias que podes atopar na rúa un día calquera, pero que teñen unha historia extraordinaria porque comezaron a traballar nunha profesión na que predominan os homes». «Racharon estereotipos combatendo a discriminación de xénero e axudando tamén a outras mulleres a que acaden as súas metas», confesa Casabella, que investigou moitas historias. Nesa liña lamenta que as cifras da discriminación de xénero sexan «escandalosas», que aínda hoxe a arte represente as máis das veces á muller «como un obxecto ou cun papel subordinado», e que non se valoren «como merecen» os coidados e o traballo non remunerado que desenvolven as mulleres.