A Deputación de Lugo confirma que seguirá apoiando a Semana Santa e o Belén a tamaño real de Viveiro

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

<span lang= gl >María Loureiro, anterior alcaldesa de Viveiro e actualmente asesora de Presidencia, do presidente da Deputación, José Tomé Roca</span>
María Loureiro, anterior alcaldesa de Viveiro e actualmente asesora de Presidencia, do presidente da Deputación, José Tomé Roca CEDIDA

A asesora de Presidencia e ex alcaldesa, María Loureiro, realizou xestións co presidente da institución, José Tomé

01 oct 2025 . Actualizado a las 14:11 h.

A Deputación de Lugo confirma que manterá o seu apoio ó Belén con figuras a tamaño natural Viveiro ante o Berce, así como á Semana Santa de Viveiro, dúas citas fundamentais para o desenvolvemento cultural, social, turístico e económico da cidade do Landro e da Mariña lucense. Segundo afirma a institución provincial, «este respaldo é froito das xestións» realizadas pola asesora de Presidencia e ex alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, quen mantivo varios encontros de traballo co presidente da Deputación, José Tomé Roca, co obxectivo de garantir a continuidade de dous apoios estratéxicos que atraen cada ano a milleiros de visitantes, e que teñen un notable impacto económico na comarca.

Con todo, a Deputación lembra que, «tal e como acontece con calquera outro Concello da provincia», será o Concello de Viveiro quen deba solicitar oficialmente estas achegas, acompañando a petición cunha memoria detallada de necesidades. «Este trámite é imprescindible para que a institución provincial poida avaliar e tramitar as axudas de forma transparente, rigorosa e conforme á normativa vixente», sosteñen. A Semana Santa viveirense conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional desde o 2013, mentres que o Belén destaca pola beleza do seu centenar de pezas, e pola súa magnitude.