Virginia Fernández Lage: «Agora aínda vou notar máis a responsabilidade á hora de avaliar ás ximnastas»

miguel albo VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Virginia Fernández posa con unas mazas
Virginia Fernández posa con unas mazas XAIME RAMALLAL

A viveirense, que asegura que a ximnasia non é minoritaria e pide que se volva respectar a figura dos adestradores, convértese na única xuíza internacional da provincia de Lugo

21 nov 2025 . Actualizado a las 00:52 h.

Virginia Fernández Lage (Viveiro, 1977) converteuse esta semana na primeira xuíza internacional de ximnasia que ten a provincia de Lugo na actualidade e na cuarta en activo en Galicia. A viveirense, que é mestra de infantil, acadou a distinción Brevet 4 logo de superar un exame ao que lle tivo que dedicar moitas horas de estudo e de levar toda a vida relacionada coa ximnasia.

—Como se iniciou neste deporte?

—Empecei sendo moi nena, con seis ou sete anos. Fun ximnasta ata que cheguei ao instituto. Despois, con 14 anos, chamoume Rocío Serra para adestrar no Club Cabriola, onde estiven durante a etapa no instituto. E de aí dei o paso de fundar o club Ximnasia Viveiro cando tiña 19 ou 20 anos. Estiven moitos anos, pero cando naceu o meu segundo fillo xa me foi imposible compatibilizalo e deleguei nas rapazas que están agora, Estefanía Lage, Tania González e Leticia Quintas. A elas fóraas incorporando a medida que ía medrando o número de nenas e estoulles moi agradecida por coller a remuda. No 2010 desvinculeime por completo e comecei os cursos de xuíza.

—Nunca volveu adestrar?

—Non, a labor de adestradora deixeina por completo. Ao club únenme fermosos recordos, pero son xuíza independente e só estou vinculado coa Federación Galega de Ximnasia.

—Que significa ser xuíza Brevet 4 e para que a capacita?

—Hai catro niveis Brevet e todos te capacitan para as competicións da Federación Internacional de Ximnasia. O cuarto é o nivel máis baixo e agora podes ir subindo ata o primeiro. A nivel provincial e galego son a única Brevet 4 porque hai outras tres en Galicia que teñen o nivel 3. Máis que para competición internacionais, que tamén, o que te capacita é para puntuar a ximnastas doutro nivel. Por exemplo, eu xa estiven en torneos internacionais aos que viñan campioas do mundo ou olímpicas, pero non as podía puntuar co título de xuíza nacional. En función do nivel da ximnasta esíxenche unha cualificación e eu agora si teño o nivel para facelo e tamén podo formar a outras xuízas.

—É difícil acadar esta distinción?

—Está claro que o Brevet 4 é un mérito, pero eu non o vexo tanto así. Estudei moitísimas horas e síntome superorgullosa e contenta de logralo, pero tomeino máis como unha liberación que como un logro persoal. Véxoo máis como botar unha man na formación e axudar a que haxa máis xuízas. Ser a única Brevet 4 de Galicia non supón nada, só que significa que non é fácil compatibilizalo a nivel familiar e laboral e por iso non hai máis.

—Por que lle tivo que dedicar tantas horas?

—Sobre todo porque o código da rítmica é moi extenso e técnico, ten moita letra pequena e moitos apartados, así que esixe un estudo moi meticuloso e puntuar todos os días porque a preparación é basicamente práctica. Xa puntuaba antes, pero esta preparación é moito máis pormenorizada porque ás ximnastas internacionais fan exercicios máis rápidos e máis complexos.

—Como lle chegou esta oportunidade?

—A min propúxome a Federación Galega en base a un currículo previo. Iso pasa á Española, que é a que ten que mandar todo á Internacional (FIG). Eu mandei todos os papeis en xuño e a mediados de agosto dixéronme que o exame ía ser o 1 e o 2 de novembro. Xa hai semana e media que sei que aprobei porque o vin colgada na web da FIG, pero as notas déronmas esta semana.

—Como encara esta nova función?

—Sempre tes a responsabilidade de avaliar ben, porque todo o mundo o merece, pero agora aínda vou notar máis esta responsabilidade porque avaliarei a xente que se está xogando becas, premios en metálico e incluso que sobreviva o seu club.

—De que saúde goza a ximnasia en Galicia?

—Hai moitas nenas e tamén cada vez máis nenos, moitos clubs e moitas adestradoras. Creo que están bastante errados os que din que a ximnasia é un deporte minoritario. Cada vez hai más xente que se dedica a isto, pero xuíces non tanto. O que si vexo tamén é que se está devaluando a labor dos adestradores e, xa falando como nai, iso non me gusta porque os adestradores son educadores e incúlcanlle valores e ensínanlles cousas aos nosos fillos. Son figuras moi importantes ás que hai que respectar.

—Abre portas esta distinción?

—Si que abre portas, pero o meu obxectivo agora é afianzar o aprendido e seguir mellorando. A próxima semana estarei en Madrid no Nacional Copa Base e seguro que podo ir a máis competicións internacionais, pero o traballo seguro que vai impedir que poda asistir a algunhas. Por iso digo que o meu obxectivo principal é seguir mellorando e aprendendo de xente que temos en Galicia como Elena Sierra e Sandra Estrada, dúas xuízas Brevet 3 impresionantes e que son as miñas referentes.