REDACIÓN O GROVE O Concello de O Grove ven de facer públicas as bases da novena edición do premio Manuel Lueiro Rey de novela curta. Un concurso literario dotado dun premio de medio millón de pesetas, co que se pretende «honrar a memoria de Manuel Lueiro, axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores». Por segundo ano consecutivo, a organización realízase coa colaboración da editorial Sotelo Blanco. Segundo as bases deste certame só se habilitará un premio, que será indivisible e que se «poderá declarar deserto, caso de o xurado así o estimar». Este órgano estará conformado por dúas personas decididas polo comité organizador, dous representantes de Sotelo Blanco Edicións, e o gañador da edición anterior, Manuel Darriba. Os textos que opten ó premio Lueiro Rey deberán ser presentadas ante do 31 de agosto no Concello. Deberán estar escritas en galego normativo, ser textos inéditos e ter unha extensión que poderá oscilar entre un mínimo de sesenta páxinas e máximo de cento vinte. Os orixinais deberán chegar ata O Grove precedidos polo título e o lema escollidos polo autor. Adxuntarase un segundo sobre cos datos do autor. Segundo establecen as bases, Sotelo Blanco Edicións resérvase o dereito á publicación da obra gañadora, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, reservándose tamén os dereitos de traducir o texto a outras linguas. O beneficiario do premio recibirá gratuítamente 25 exemplares da obra publicada. O premio fallarase no mes de outubro.