Dúas mil follas para Lueiro Rey

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Case 40 textos foron presentados á novena edición do premio literario do Concello do Grove Casi 40 exemplares van ter que ler os integrantes do xurado antes de decidir quen gaña este ano o premio Manuel Lueiro Rey de literatura. Onte dábase por pechado o prazo para a entrega dos orixinais. E a expensas de que chegue algunha copia que se poidese perder nos despachos de Correos, o número total de aspirantes ó premio é o 38. Unha cifra considerable, xa que significa doblar o número de textos remitidos o ano pasado, cando se endureceron as bases ó entrar na organización a editorial Sotelo Blanco, que publica as obras gañadoras. A colaboración entre esta firma e o Concello parece empezar a dar froitos.

04 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

ROSA ESTÉVEZ O GROVE Di Olegario Sotelo Blanco que premios como o Lueiro Rey son importantes para que os novos escritores poidan facerse un oco no mercado. Desde o ano pasado, a editorial deste emigrante galego encárgase de publicar as obras gañadoras do certame literario que organiza o Concello do Grove desde hai xa nove anos. O resultado da impliación desta empresa no certame supuxo que o ano pasado o número de participantes se reducise. A ampliación do número de páxinas esixido fixo que fosen moitos os que se botasen atrás, e que ata as máns do xurado só chegasen vinte relatos, todos eles «de gran calidade», segundo se afirmara entón. Máis aspirantes Nesta ocasión hai máis aspirantes a se facer co premio grovense. De feito, hai o doble de propostas. Trinta e oito textos, todos eles esritos en galego, chegaron ata o Concello do Grove preparados para superar a mirada de Xesús Alonso Montero, Manuel Quintáns Suárez, Manuel Darriba, Francisco Bouzas e Ramón Nicolás Rodríguez. Eles son, desta volta, os encargados de decicir a que mans vai ir parar o medio millón de pesetas co que está dotado este certame de narrativa curta. O fallo do xurado saberase, aproximadamente, dentro de mes e medio. Así, a finais do mes de outubro farase público o fallo dos integrantes do órgano decisorio. Nel estará, desta volta, o lucense Manuel Darriba, que o ano pasado participara no certame pero dende o outro lado da liña: o de concursante e o de gañador. A súa obra, Velada do billarista, foi editada por Sotelo Blanco. Os exemplares dese libro saíron á rúa con tempo de sobra para a entrega de premios, que se celebrou as portas do nadal. Tamén a editorial estará representada dentro do órgano que decidirá o gañador. Francisco Martínez e Ramón Nicolas Rodríguez foron os nomeados por esta empresa para formar parte do xurado. Un órgano que, como xa ven sendo habitual neste certame, estará presidido polo escritor e catedrático en Literatura, Xesús Alonso Montero.