AREOSO
08 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A SITUACIÓN é esta: Festa do Marisco, carpas coas súas mesas, platos, culleres, garfos de plástico. Un xantar estupendo. En certo sentido, é un lugar de comida rápida, por aquelo de que hai que facelo de pé. Pero non hai queixa porque o marisco está estupendo e queda o asunto como unha romería gastronómica. Dixen romería, pero é entón cando reparo na música. A música non está a altura da comida, douno por descontado. Pero os grandes éxitos do pasodoble máis racial e algúns dos últimos éxitos menos intelexibles da cultura occidental non son as cousas que un espera escoitar mentres come. Primeiro porque o son non é bo, e case mellor nada ca eso. Segundo porque logo din que os galegos somos así ou doutro xeito e tomamos mal o que vén de fóra. Pois en cuestións musicais aceptamos barcos como animal de compañía. Non se me ocorre pensar que nunha caseta do Rocío ou da Feria de Abril alguén pinche a Milladoiro ou á Roda. Non lles encaixaría. Sen embargo aceptamos calquera rumba por mal despachada que estea para amenizar a sobremesa. Logo din que somos impermeables. Demasiado bos é o que somos.