Francisco Fernández Naval explicou as características do programa desta cuarta edición. Haberá tres liñas argumentais, que se irán desenvolvendo día por día. O primeiro día estará adicado ás consecuencias socioeconómicas que tivo, ten e poderá ter esta catástrofe. Para esta cita inicial está previsto falar da educación ambiental arredor do barco, dos aspectos máis directamente económicos e das situación do sector pesqueiro tras a marea negra. Entre os ponentes estarán Pablo Mera, Carme García Negro, Remedios Beiro, o patrón maior da Confraría do Grove, Francisco Iglesias, o patrón de Muxía, Javier Sar, e o de Porto do Son, Tomás Fajardo. O sábado, 21, será o día adicado ós efectos das mareas negras no mar, repasando as máis recentes catástrofes dos últimos anos, desde o punto de vista científico. O domingo, día 22, a xornada estará adicada a falar do voluntariado, as máis recentes expresións do ecoloxismo e conservacionismo. Participarán neste caso o escritor e biólogo Xavier Queipo, quen explicará como se contan os peixes. Tamén estarán presentes nesa xornada responsables de organizacións ecoloxistas como Adena e Adega, e tamén estará presente Alba María Andrade, unha das voluntarias. As charlas terán lugar no salón de actos do Concello de Carnota. A matrícula xeral costa 40 euros e hai unha posibilidade de inscribirse con aloxamento e xantar por un total de 100 euros. O importe da matrícula pódese ingresar na conta da Asociación Canle en Caixa Galicia.