Ateneo Vikingo

MIGUEL A. LORENZO

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA | O |

24 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O Ateneo Vikingo vén de celebrar os quintos Encontros da cultura galega en Honesti. Nomes relevantes veñen participando do evento nos últimos anos. As xentes de a pé, as que pagan as cousas municipais cos seus impostos, atenden o bo saber destes persoeiros e gozan do invento do pasarrías no drakar do Concello, sempre cun patrón que nós dispuxemos. Nesta edición, non souben acadar do alcalde o permiso do barco porque non dispoñía do patrón funcionario (Emilio estaba ausente). Pero motivou a súa certeza de ter moitos problemas con nós. Organizar un torneo de basket entre infantís de Caldas, Vilagarcía, Marín e Catoira traendo a Fernando Romay, con tódolos gastos, sen obter nada a cambio, nin sequera o custo da comida, para aparecer na foto do libreto das eleccións de hai catro anos, será un problema . Recuperar un galeón sen axudas, para saír na foto do libreto das últimas eleccións, tamén será un problema . Xuntar 500 bicis na marcha de cada ano, só coa axuda das casas comerciais e a Deputación, xestionada a través dunha eficaz funcionaria do Concello, tamén será un problema . Realizar un magosto tradicional xa na bisbarra, con viño, castañas e arenques gratuítos, e dispor do xogo da chave, petanca, trompos, aros sen nada pedir, tamén será un problema . Participar 32 anos no desembarco viquingo tamén será un problema . O único problema está en que somos libres, que non miramos ningunha cor política. Se publicamos na Xanela Aberta a foto dun poste de Fenosa a punto de caer, sabemos que non é culpa do Concello, pero estaba mal, e agora está ben. Se mostramos o estado da estación de Renfe, non é culpa do Concello, pero se está tratando de resolver. Se a foto é dun mirador descoidado, haberá que poñelo ben. Mostrámo-lo que vemos, nada máis. E así teña quen teña as chaves do futuro de Catoira. Se estes son problemas , gabados sexan, pero son dos que fan cousas, se un se deita a durmir non crea ningún. Xestores elixe e paga Catoira para que resolvan precisamente estes problemas. O Ateneo é unha institución con cabida a todo tipo de ideais, non merece ser tachado de problemas , senón que todo o contrario. Un respecto.