VENTO DA TRAVESÍA | O |
21 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ACABO de ler Cuando el tiempo nos alcanza , que, como se sabe, son as memorias de Alfonso Guerra ata a súa entrada no despacho de vicepresidente en 1982. Alfonso Guerra sempre me resultou o político máis atrainte do socialismo español actual; pareceume unha trincheira infranqueable na defensa de diversos valores que comparto e que, aínda hoxe, me siguen a parecer necesitados de paladíns; faise, tamén, interesante a sua querencia pola cultura anque non se pode acudir ás súas ideas para descubrir visións novas e, ás veces, non vai máis alá da tona das cousas. Da lectura das 350 páxinas extráese, por riba de todo, que a vida de Alfonso Guerra estivo absorbida polo PSOE. Toda a súa peripecia vital foi dirixida a reorganizar e revitalizar este partido dende a clandestinidade ata a victoria electoral de 1982. Deixou polo camiño xentes ás que non foi capaz de comprender e que descuartiza nestas páxinas; outras ás que respectou, deixou de respectar e volveu a respectar, como a Suárez. Ó único persoeiro galego que, reiteradamente, nomea é a don Manuel Fraga; a ninguén máis salvo a Pablo Iglesias. Cando escribíu estas páxinas estaba arrepentido de algunhas cousas, coma ceder na fusión do PSOE en Cataluña. Non é capaz de entender ao nacionalismo amparado no que describe coma o seu "espíritu universal" e afirma que "ofrecería la mitad de mi vida para que los nacionalistas puedan defender sus postulados y la otra mitad la necesito para impedir que esos postulados, en los que no creo, sean una realidad". Por suposto, a Galicia e ós seus problemas nin os nomea. Espero que continúe as Memorias para ver, por exemplo, como adxectiva o impresentable desfile das ministras para Vogue.