Barros: «Chegar á final da Copa e xogala como a xogamos ante o Breogán é para estar contentos»

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

? adestrador do Inelga Cefrico era onte un home feliz. Digamos moi feliz. Aínda que o tentou, Chiqui Barros non puido agochar onte a súa extrema satisfacción pola actuación dos seus homes na final a catro da Copa Galicia. Primeiro, facendo historia ao colar o equipo na finalísima por primeira vez na súa historia, derrotando con autoridade o único equipo galego en LEB 1, o C.B.O. de Ourense. E despois, aguantando tres cuartos de partido o galáctico Breogán de Lugo, ese que fichou a xente como Alfonso Reyes, Carrareto ou Ostojic e que en breve comezará a medirse semanalmente aos Barcelona, Tau, Unicaja ou Real Madrid. «É para estar contento. Chegar á final da Copa Galicia e xogala como a xogamos ante o Breogán é para estar contento» (Barros dixit). Abofé que si. Chiqui Barros quixo comezar a súa análise da final a catro do Inelga Cefrico relativizando os seus resultados: «Sempre dixen que a pretempada é para comezar a Liga cun mínimo de garantías e rodaxe. Os resultados son agora o de menos». Mais os rivais da fase final non eran uns calquera, e o mérito do conseguido, por moito que se queira matizar, non se pode nin debe minusvalorar. De aí que o preparador do conxunto vilagarcián subliñase acto seguido que «ninguén nos regalou nada do que fixemos ante o C.O.B. (79-64 para o Inelga) e o Breogán (74-57 en contra). Se eles pareceron peores (no caso dos lugueses durante partes da final) foi polo noso traballo, non porque xogasen mal». Nesta liña, Barros apunta á defensa como a clave do éxito arousán nos dous partidos de Santiago. «A nivel defensivo», comenta, «estou contentísimo. Que un equipo de LEB, con tres extranxeiros, non sexa quen de meternos máis de 64 puntos di moito. E que un ACB non nos enceste máis de 74, un día despois de colarlle 101 ao Sarria, un dos teóricos futuros gallitos do Grupo A da EBA, tamén será por algo». Resposta a Moncho López É por iso mesmo que Chiqui Barros se amosaba onte moi molesto cos comentarios que lle escoitou a Moncho López, adestrador do Breogán e ex seleccionador nacional, tralo partido: «Gústame escoitarlle a Moncho López que xogamos ben. Pero non oírlle que saíramos a perder de pouco. Nós sempre saímos a gañar, e eu sabía que podíamos dar a sorpresa. Eu xa cheguei a unha final da Copa Generalitat de Valencia co Calpe gañándolle ao descanso a todo un Pamesa. E a outra da Copa Extremadura co Círculo de Badajoz co meu equipo arriba a falta de tres minutos ante o Cáceres, e perder só no derradeiro minuto pola actuación de André Turner». O único pero de Barros ao seu plantel é a faceta ofensiva. E é que «botei en falla máis recursos de ataque. Aí estivemos moi lonxe do que somos quen de facer, a un 30 ou 40% das nosas posibilidades». Unha cuestión menor, ao seu entender, xa que «é algo normal a estas alturas da pretempada. Temos moita marxe de mellora», sentencia.