VENTO DA TRAVESÍA | O |
22 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.HAI datos que todos sabemos, cifras que, unha e outra vez, se nos repiten e que, unha e outra vez, van quedando nuns segundos de reflexión atuídos, sempre, pola incesante necesidade de seguir adiante sen que se nos permita, nin sequera, un alto no camiño para respirar. Hai uns días, de novo, foi Federico Mayor Zaragoza quen volveu a poñérnolos diante dos ollos ao pedir o establecemento dunha solidariedade mundial. Simplemente recordounos que, antes da traxedia do Índico, houbo terremotos coma os de Bam ou o furacán Mitch, que foren noticia e levaren unha certa dose de angustia ás nosas cabezas. Pero, sendo verdade que tódalas traxedias impresionan, tamén é certo que as máis impresionantes son as que estamos a vivir con absoluta rutina, que xa tomamos coma o habitual, coma se tiveramos asumido que ten que ser así. Repito, nas palabras de Mayor Zaragoza: no ano 2003 morreren cinco millóns de nenos de fame e pobreza; a SIDA mata a máis de oito mil persoas por día. A isto hai que engadir que case mil millóns de persoas sobreviven con menos dun euro diario. Fronte a estes datos terroríficos hai moitos outros que son moi clarificadores, pero aínda moito máis demoledores. Por exemplo: o gasto mundial diario, repito, diario, en armamento é de máis de dous mil millóns de euros. Insisto: cada día. Todos estes datos, terribles, son datos dos que se falará, a finais deste mes, no Foro Mundial Social de Porto Alegre; un Foro ao que, seguramente, irán os que van sempre; e os que non van, que son eses que están por seguir a gastar, ou a investir, dous mil millóns diarios en armas, teñen o poder suficiente para facernos chegar a imaxe de que os que están alí son uns protestóns ou uns hippies caducos. Anque estes, a min, resúltanme especialmente sabios porque se preguntan, por poñer: ¿Pero de quen son hoxe os países?