Cosa nostra

JUANMA FIGUEIRO

AROUSA

AREOSO | O |

11 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO, polas circunstancias que sexan, un servizo esencial é prestado por unha soa empresa en réxime de monopolio, a prestación tende a producirse nunhas condicións que rozan o abuso e moitas veces ata o rebasan ampliamente con total impunidade e indiferencia. Se tal acontece, os consumidores botan chispas polos ollos e císcanse na empresa en cuestión, pero esto pouco lle importa a ela, só preocupada pola continuidade das condicións que lle permiten seguir abusando e polo incremento dos beneficios; que non abonda con gañar cartos, senón que hai que gañar máis de cada vez. Teñen moito coidado, as compañías que operan en sectores estratéxicos, en levarse ben cos gobernos, pois estes teñen a posibilidade de cambiar ou manter as circunstancias en que se produce o abuso. Polo que se ve, non é imposible que unha empresa redacte, conforme aos seus intereses, o borrador dunha lei e lla envíe ao partido que goberna, amigo de toda a vida, para que a aprobe á maior gloria de Deus e da democracia. Se Mario Puzo vivise e tivera corenta anos inventaría un Don Corleone no cumio de catro compañías eléctricas e outras tantas petroleiras, con pistoleiros e senadores a soldo e un fato de lambecús bicándolle os aneis. Xa se encargaría despois Robert de Niro de que nos caese simpático.