Aquel cartel da Toxa

JUANMA FIGUEIRO

AROUSA

AREOSO | O |

23 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

No centro da Toxa, hai uns quince anos, había un enorme cartel firmado por unha inmobiliaria, que dicía: «Trabajamos para que La Toja sea aún más bonita». A un non lle quedaba outro remedio que mirar arredor e sorprenderse por tan flagrante mentira: os resultados daquel traballo supoñían, para a sensibilidade estética, o mesmo que Torrente para a natación sincronizada. A frase era, como mínimo, pintoresca. Agora estáse a reproducir unha situación moi semellante a aquela. Como na illa da Toxa apenas queda xa nada por urbanizar, tócalle o turno nestes días nosos aos Feáns, con argumentacións que non deixan de ser, pese ao tempo transcorrido, do máis pintorescas. A máis rechamante alude á «alta calidade ambiental» do proxecto. En fin, se o que lles gusta é a calidade ambiental dos Feáns, que os deixen como están, pois non hai arquitecto nin aparllador que poidan mellorar a fachada coa que a Natureza tivo a ben agasallar a Ogrobe. Din que a urbanización terá unha «edificabilidade baixa». Unha apreciación que, como mínimo, deberían precisar con pelos e sinais. Pero o que non din é que, cun hotel de cinco estrelas incluido no mesmo proxecto, non lles queda outra. Ofrecen, dentro do paquete de actuacións deseñadas, unha piscina climatizada, e agardan que aceptemos como contrapartida o que nos corresponde por dereito, tal e como afirman todos os grupos políticos con representación municipal (alomenos, todos os da oposición). Aseguran, e esta si que é boa, que os principais beneficiarios han ser os propietarios dos terreos. E a afirmación é ben curiosa, porque ¿acaso pensan perder cartos? Só lles falta dicir que constrúen por amor á arte. Pois nada, que o poñan nun cartel. Hai un dito moi axeitado para esta xente: «Quen non te conoza, que te compre».