Pamplona

ANTÓN MASCATO

AROUSA

OBSERVATORIO | O |

29 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

FIGUEIRIDO, San Simón, Pamplona¿ lugares que se pronunciaban en voz moi baixa no Grove dos anos da guerra e nos seguintes. O último era especialmente agre nas voces do lamento colectivo -«o pobriño de don Jacobo Otero está en Pamplona»- porque a distancia longa pintaba de negro o sentimento. E con el o seu sobriño Xacobe Barral Otero, alcalde en 1936, cando se produce a sublevación militar que derroca á República. E Miguel Mandías Merino, funcionario do Concello, represaliado pola alcaldía na etapa do bienio negro. Tres persoas, tres destinos, tres alternativas políticas xunguidas nun mesmo ideal: un republicano, un nacionalista e un socialista: a Fronte Popular. Tres veciños detidos, xulgados, condenados e encarceados xuntos. En 1936, don Jacobo tiña 50 anos; Xacobe, só 30; Miguel, 37. Tres vidas que compartiron ilusións, proxectos, esperanzas nun futuro de maior xustiza, de fraternidade. Vidas tronzadas pola inxustiza dun xulgamento sen soporte legal, non sendo un bando de guerra co que os militares disfrazaron a barbarie co uniforme de salvadores da patria. Xuntos no salón da Deputación no que foron xulgados e condeados. Xuntos na prisión de Figueirido, e no campo de concentración de San Simón, xuntos finalmente no cárcere de San Cristóbal, en Pamplona, onde tamén estiveron outros grovenses que alí quedaron para sempre, como Juan Allo Sabor, que procurou a fuxida no ano 1938, sendo cazado no monte. Xuntos no cárcere onde fixeron amizade con outro grovense, que daquela aínda non o era: Saturnino Mejuto Iglesias; irmán de dirixentes socialistas coruñeses asasinados, socialista tamén el, que cando recuperou a liberdade veu montar casa no Grove, o lugar do que tanto escoitara falar aos seus amigos Jacobo, Xacobe e Miguel. Mejuto sería logo o correspondente do xornal El Pueblo Gallego. Outro represaliado, outra vítima daquela infamia organizada. Setenta anos despois honramos a memoria das vítimas daquel xenocidio. Antón Mascato preside a Asociación pola Memoria.