Chega a quenda da «curta»

Bea Costa
B. Costa VILAGARCÍA

AROUSA

En dous minutos | Certame Audiovisual do Liceo Casino Vilagarcía convértese desde hoxe na meca da curtametraxe en Galicia. O festival do Liceo permitirá ver cinema pero, tamén, aprender con el

05 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Liceo Casino arranca hoxe o seu Certame Audiovisual coa proxección da premiada curtametraxe Madres , de Mario Iglesias. A cita será ás 21.00 horas no auditorio municipal de Vilagarcía e alí estarán o director e mais a escritora Teresa Moure e a actriz Isabel Rey para manter unha conversa co público sobre como se fixo Madres e outros traballos de Iglesias. Esta será a primeira dos trinta películas e documentais que en formato de curto se poderán ver no certame, desde hoxe e ata sábado día 11 de novembro. Mañá será a quenda do documental coa proxección de Pensando en soidade , sobre a figura de Xosé Ernesto Díaz Noriega. Nesta ocasión a cita tamén terá o aliciente de que estará alí para comentala o seu director, o arousán Marcos Nine. Neste caso a convocatoria é para as seis de tarde. As proxeccións retomaranse o martes con Vivir Rodando , de Tom DiCillo, e o venres 13 de outubro coa presentación de curtametraxes para nenos. Haberá que esperar a un día despois para asistir á primeira sesión do Curtamaratón no que se poderá ver a primeira entrega de curtas seleccionadas. Son trinta os traballos que entran en concurso, dun total de 372 producións que se presentaron. Esta é a edición máis internacional do certame pois houbo participación de países como Arxentina, Venezuela, Francia, Cuba, Italia e Portugal. A organización repartirá 10.000 euros en premios distribuídos en cinco apartados: premios ao Mellor Audiovisual, Nov@s realizador@s, Especial Animación, Liceo Casino e Premio Galicia. A entrega dos premios se fará no acto de clausura que se celebrará o venres 20 de outubro, que estará presentado polo actor vilagarcián Carlos Blanco. Deste xeito conclúe o concurso, pero aínda haberá ocasión de asistir a varias proxeccións máis. Con todo, a oferta vai máis alá do cinema. O Liceo Casino preparou, por primeira vez, unha programación paralela coa finalidade de achegar a cultura da curtametraxe ao gran público, incluído o infantil. Haberá espectáculos de maxia, un obradoiro de iniciación ao guión, obradoiro de iniciación á curtametraxe para nenos, un obradoiro de plastilina e actuacións musicais. Hoxe, ás 18.00 horas, haberá a primeira sesión de Maxia e cine, na sede do Liceo. «Madres»: 21.00 horas, na sala de conferencias do auditorio de Vilagarcía de Arousa.