O pombal De Vilagarcía pero tamén de Sanxenxo, Meaño e Vilanova. O concurso de contos solidarios abriuse este ano a toda a comarca e moitos colexios recibiron premio
20 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Os nenos tamén poden e deben ser solidarios. Non andamos precisamente sobrados de xenerosidade e tolerancia de xeito que todo o que sexa concienciar nestes valores ben está. Así o cren na concellería de Xuventude de Vilagarcía, que dirixe María Araújo , e cada ano, coincidindo con Día Internacional dos dereitos do neno, convoca un concurso de contos solidarios nos colexios. Desta volta foron máis alá das fronteiras municipais e invitaron a participar na iniciativa aos centros do resto do Salnés. E parece que o asunto interesou á vista da alta participación. Os premios falláronse a semana pasada e onte foi o momento de entregalos nun acto entrañable celebrado no auditorio municipal. Os protagonistas foron os nenos, pero especialmente os que levaron os premios, que foron moitos. Os alumnos de sexto curso da Escardia, na modalidade de grupo, e a alumna de cuarto de Primaria do colexio As Covas, de Meaño, Iria Aspérez Balboa , na individual, foron os gañadores absolutos coas obras Querido diario e Ariel, o león presumido , respectivamente. Os segundos premios foron para O probe Dragón , da aula de segundo B de O Piñeiriño, e Nabuma Kiewablienga , da alumna de quinto C de Arealonga, Marta Domínguez Pazos. Con mención especial O xurado tamén concedeu mencións especiais a oito traballos, catro por cada categoría: aos de quinto curso do colexio de San Roque (Vilanova), a Rocío Rodríguez , Juan Manuel Rodríguez , Pedro Agís Ucha e Clemente Viñas González , de Meaño, ao curso de quinto de Primaria de CEIP de Noalla (Sanxenxo) e a Andrea Cruces Orcera , Lara Lois Sanmartín e Camila Sierpien, do colexio Valle Inclán. Na modalidade individual, as mencións especiais foron para Alejandro Sayáns Silva , Joan Mauricio Pérez Rivera e Joaquín de la Torre Ben , do Arealonga, e Alba Domínguez Serén , de As Covas. A ler e escoitar Todos os contos premiados serán publicados nun volume que editará a concellería e que será entregado aos gañadores e a Solidariedade Internacional. A oenegué estivo moi presente no auditorio pois as historias que eles recopilaron noutros países, e que logo editaron nun libro, serviron de materia prima para a sesión de contacontos que onte acompañou o acto.