O pombal Vicente Juncal, vilanovés e socialista de corazón cumpre cen anos. O propio presidente do Goberno asinou unha dedicatoria para un home comprometido
21 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Este é o valioso tesouro que mantén perfectamente lúcido Vicente Juncal González. Vilanovés, de San Miguel de Deiro, o compañeiro Vicente recibiu onte todo o agarimo do Partido Socialista, ao que, malia non chegar a militar nunca, entregou o seu corazón e os seus ideais hai xa un océano de tempo. O deputado provincial e secretario comarcal do PSdeG no Salnés, Rodrigo Santiago, encabezou a comitiva que visitou a Vicente na súa casa para darlle todos os seus parabéns. O libro de Rubial Vicente, que aproveitou a pequena homenaxe para demostrar que mantén unha memoria de ferro sobre épocas xa pasadas, algunhas ben ilusionantes, outras duras, truncadas polo puño do feixismo, non só recibiu boas palabras. Tamén lle foi entregada a insignia orixinal do PSOE, coa bigornia (yunque, en castelán) e o libro. E unha dedicatoria de senlleiros membros do comité federal do partido, como o madrileño Rafael Simancas, o secretario xeral do PSOE, Patxi Vázquez, ou o alcalde de A Coruña, Javier Losada. De calquera xeito, o agasallo máis especial, e o que unha meirande ilusión lle fixo a Vicente foi un libro sobre o primeiro presidente do PSOE, o histórico dirixente Ramón Rubial e o seu compromiso co socialismo. Unha dedicatoria manuscrita ten un valor indubidable: «Con todo mi cariño para el compañero Vicente. Saludos». Asina José Luis Rodríguez Zapatero, presidente do Goberno. Caritarte 2006 Case que á mesma hora inaugurábase no auditorio de Vilagarcía a edición de Cariarte correspondente a este ano. Setenta e sete artistas respostaron á chamada de Cáritas e do reporteiro gráfico José Luiz Oubiña. Desta volta, o obxectivo é mercar un tractor para os invernadoiros da ONG. Fai falla mercar arte, nesta ocasión con vocación solidaria. A convocatoria encheu a primeira sala de exposicións do complexo vilagarcián. Hai pintura, fotografía, escultura e caricatura. Para gozar, e para poñer un grao de area a prol dos menos favorecidos.