¿Galegos?

X. Á. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

25 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI algún tempo, con ocasión das vendas de accións de empresas importantes que explotaban os recursos de por aquí, mostrei a miña estrañeza polo rebumbio armado e pola carta de nacionalidade galeguísima que se lles pretendía dar. Agora que está de moda que o capital invista en sectores diversos, por aquilo, que xa se dicía de vello, de non pór todos os ovos nunha cesta, leo nalgún sitio que as centrais das Pontes, Meirama e Sabón, que teño entendido que son de Endesa e de Unión Fenosa, excederon nun 28,5% a emisión de CO2. Meirama emporcallou a atmosfera, galega con 4.221.684 toneladas. Iso sí que é actuar en Galicia e co capital galego. Os recursos naturais que polo territorio galego adiante utilizan estas grandes empresas ¿de quen son?, ¿de quen son os ríos, a auga, o carbón?, ¿quen entregou terreos para asolagamentos?, ¿quen perde?. Non obstante, os beneficios que se extraen da explotación deses recursos naturais si teñen un dono claro: os accionistas das empresas explotadoras. Pero agora a esta cuestión, tantas veces discutida, de que os beneficios derivados dos recursos naturais do territorio galego fuxan a outros lugares, convertidos en cartos, hai que engadir o problema da contaminación. Perdemos os recursos naturais que se nos esfuman en forma de cartos para outros petos e, ademais de perdelos -cartos e recursos-, tamén nos queda a contaminación. Pero aínda hai máis: O protocolo de Kioto considera que as emisións de CO2 hai que computalas globalmente. Vale ¿E qué están a facer estas galeguísimas empresas? Moi fácil: como dicía, en Galicia excédense na emisión de CO2 un 28% e, como para evitar ese exceso terían que facer un fortísimo investimento e modernizar as instalacións de aquí, están a implantar melloras tecnolóxicas nos seus proxectos en Panamá e Costa Rica para compensar. Claro, por alí todo o español é galego.