O pombal O Centro Coreográfico Galego estivo en Vilagarcía para facer unha «performance» no mercadiño, avance da súa actuación do venres. Pero a choiva chafou a festa
06 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Onte ía ser un mercado un pouco especial. Entre toldos e postos de verduras ían pulular os bailaríns e músicos do Centro Coreográfico Galego que achegáronse a Vilagarcía para facer o que eles dan en chamar performance . Tratábase, en definitiva, dunha tarxeta de presentación da obra Vacuo que van representar este venres (21.00 horas) no auditorio municipal e que trae por primeira vez a esta compañía á cidade arousá. A cousa estaba ben organizada. Saída ás doce media desde O Cavadelo e chegada á unha á praza Arcebispo Lago, onde esperaban os medios de comunicación. Pero os plan torcéronse porque aos cinco minutos de empezar o espectáculo veu a chover. Que conste que os bailaríns querían seguir coa súa actuación -mestura de danza e teatro- pero os responsables da montaxe consideraban que aquilo era perigoso e levantaron o chiringuito . O chan estaba esvaradío e algún dos artistas podía acabar cunha gripe que lle impedira subirse ao escenario o venres. Quedámonos coa gañas de ver máis, pero a seguridade é a seguridade. A todo isto, o concelleiro de Cultura, Roberto Araújo , trataba de reorganizar o cotarro a presa e correndo, sen paraugas e teléfono en man. Os artistas colleron camiño cara o auditorio e os cámaras e xornalistas buscaron refuxio, que xa facía tempo que non nos mollábamos. Haberá ocasión o venres Haberá que esperar logo a pasado mañá para ver aos bailaríns do Centro Coreográfico Galego en acción. Os interesados xa poden comprar a entrada a través dos servizos www.servinova.com ou chamando ao teléfono 902504500. A entrada custa cinco euros. Se non o ten decidido e prefire esperar a última hora pode mercar a entrada o mesmo venres no auditorio, pero sempre corre o risco de quedarse sen butaca. Aínda que, o certo, dáme a min que non vai ser. Se é difícil encher as setecentas e pico prazas do auditorio normalmente, aínda o é máis se o espectáculo é de danza. Nós non desesperamos e seguímoslles animando a probar coa oferta cultural alternativa. O sábado foi con La Cenicienta e hoxe co Vacuo de Maruxa Salas e con música de Berrogüetto. Desta volta o prezo non é desculpa.