Reportaxe | Gala Básket Cup en Vilagarcía Co obxectivo de recadar fondos para o torneo que se celebra en Semana Santa, a Vilagarcía Básket Cup xunta esta noite a un trío de ases da música e do humor
02 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A Vilagarcía Básket Cup vai camiño de converterse en moito máis que nunha competición de baloncesto. Sobre todo é iso, pero tamén é ocio e música. Á espera de que chegue o 5 de abril e a pelota empece a petar nas canastras instaladas no pavillón de Fexdega, este torneo xa está dando moito que falar. Esta noite tamén fará rir. A gala da Básket Cup presenta aos humoristas Carlos Blanco e Riki López e ao grupo musical Cubatas The Fuckin' Brothers. Carlos Blanco é un vello coñecido na cidade, para algo é vilagarcián de pro, e repite nesta experiencia despois da súa participación na gala do ano pasado. Riki López é menos habitual destas terras, pero xa se viu as caras co público de Arousa cantando e tocando á guitarra aquilo de «De primero, sopa de, de segundo, patata con, de tercero....». Esta noite desembarca no escenario do auditorio de Vilagarcía coa tarxeta de presentación que supón ser o autor da canción que durante o pasado mundial de baloncesto serviu de himno á selección española. Moi a propósito para a ocasión. Pero o traballo de Riki López vai máis alá. Este monologuista é colaborador de programas como el Club de la Comedia e de Gomaespuma. Se o forte de López é a súa inventiva e orixinalidade, o Cubatas Fuckin' Brothers son uns mestres niso das versións. Este grupo da Coruña dedícase a darlle o seu toque persoal a cancións coñecidas por todos, sempre na procura do sorriso do público. Estes tres ases do humor e a música veranse as caras esta noite nunha ocasión «única», segundo resaltan desde a organización. Blanco actuará de anfitrión e as actuacións iranse intercalando ao longo da hora e tres cuartos que durará a gala. A hora de comezo estaba prevista para as 21.30 horas pero retrasarase un cuarto de hora por motivos de axenda. As entradas poderanse adquirir ata media hora antes no auditorio municipal a 8 e 10 euros. O ano pasado a Básket Cup lograra case encher o aforo. Desta volta o obxectivo e repetir a marca. A recadación destinarase a financiar os gastos do torneo de baloncesto. Esta edición será a que precise un orzamento máis alto non en balde é a que ten a oferta máis ambiciosa de cantas se levan feito. Ademais dos partidos, en Fexdega disputarase a final de Copa de Galicia en cadeira de rodas e montarase unha especie de parque temático no que haberá xogos para nenos, competicións para as categorías inferiores e moita luz e son.