![](https://img.lavdg.com/sc/b3DogGPaCndvJKAXrzxAwGWxJ1c=/480x/2007/03/20/0012_2062310/Foto/a21c6f1.jpg)
En directo | Programa Prensa-Escola Os estudantes da Escardia recibiron onte a visita dunha xornalista de La Voz de Galicia, que lles falou dunha profesión que aos rapaces sempre lles intriga e lles resulta atractiva
20 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Un cento de alumnos do colexio da Escardia, de Vilagarcía, pasaron onte en dúas quendas pola aula de música, onde lles agardaba unha xornalista de La Voz de Galicia para falarlles da súa profesión, unha iniciativa que partiu do programa Prensa-Escola da Fundación Fernández Latorre coa colaboración de Caixa Galicia. Os rapaces xa levaban uns días traballando cos xornais nas aulas, por iso agardaban pola xornalista para aclarar todas as dúbidas que tiñan referentes ao seu traballo. Por exemplo, aos rapaces sempre lles intriga saber cómo os profesionais dos medios de comunicación se enteran de todas as noticias, e cáles son os criterios nos que se basean para seleccionar e priorizar a información. O traballo dos reporteiros gráficos tamén centrou boa parte das preguntas que fixeron os alumnos da Escardia, un centro educativo que leva a cabo moitas actividades e que máis dunha vez xa foi protagonista na prensa. Os deportes, os sucesos, a selección das fotografías nos atentados terroristas e nos accidentes de tráfico, as páxinas de pasatempos e do tempo e as información que chegan do estranxeiro foron outras das preguntas que plantexaron os estudantes. Noutro tipo de aspectos máis practicos e laborais, os nenos preguntaron tamén polo soldo dos xornalistas, o seu horario de traballo e as quendas de vacacións. ¡Quen sabe se dentro dun anos non será algún deles o que fale a outros rapaces de tan interesante profesión!