Mil cincocentos estudantes participan este luns en Vilagarcía no Correlingua
AROUSA
?ste luns Vilagarcía convírtese en sé da edición deste ano do Correlingua, unha marcha na que participarán mil cincocentos alumnos de centros de Educación Secundaria do Salnés co obxectivo de reivindicar o uso normalizado do galego tanto na escola coma no resto da sociedade. O acto organízase como colofón ás actividades que se desenvolven nos propios centros educativos ao longo de todo o ano. Comezará ás once da mañá na avenida da Mariña, de onde sairá unha marcha de 3,8 kilómetros por Elpidio Villaverde, o paseo da zona TIR e o paseo marítimo ata chegar ao Centro de Interpretación da Ría de Arousa, desde onde se regresará ao punto de partida. Como en edicións anteriores, o fin de festa poñerao o espectáculo do Xabarín Club na explanada do auditorio. O acto será presentado polo dúo cómico Os Tonechos e nel intervirán un grupo de alumnos do instituto Castro Alobre de Vilagarcía, que interpretarán a ritmo de rap o manifesto do Correlingua 2007. O Correlingua é unha actividade organizada por unha comisión permanente composta por CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización, a Asociación Sociopedagóxica Galega e os equipos de Normalización Lingüística dos Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo. Os actos centrais deste programa, que se desenvolve en toda Galicia, consisten en marchas como a que se celebrará este ano en Vilagarcía. Os participantes chegarán desde os institutos As Vizocas e Monte da Vila, do Grove, Francisco Asorey y Ramón Cabanillas, de Cambados, o colexio Progreso de Catoira, o IES da Illa, os institutos de Sanxenxo e Vilalonga, A Basella e Faro das Lúas, de Vilanova, e Castro Alobre, Cotarelo Valledor, Bouza Brey, Sagrada Familia e Centro de Educación Especial en Vilagarcía.