VENTO DA TRAVESÍA | O |
23 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.XA que está de moda a farándula déixenme falar de Tom Cruise e de dúas mulleres fermosas sentadas a carón del no Bernabeu, un día destes. Era noite pecha e ían, os tres, parapetados nunhas negrísimas gafas de sol. E eles verían algo do partido? Aínda que claro, hoxe en día, estes lentes, pensados para protexérmonos dos raios do astro rei, utilízanse máis como complemento estético que pola función de seu. Chámame, tamén, a atención a cara de mala leche que poñen, sobre todo as mociñas que se amparan nestas enormes lentes, desas que lle ocupan ata máis da metade das fazulas e que poñen cara de formiga atómica. Parece como que levar tal parabrisas fose un salvoconduto para exhibir rictus de malencarada. Non hai moza nova, atrincheirada nestes accesorios, que non circule con cara de pelexada co mundo e que cando os sacan, non exhiban, coma a toda xente de ben, o seu sorriso educado. Coma se ir entaladas nas gafas de sol outorgáralles un illamento do mundo, ou patente de aparta con que te fendo laxe. Aínda que iso de resultar amable e de poñer boa cara éche cousa que como que vai desaparecendo. Non quero deixar de mencionar aos das gafas de sol en enterros e funerais: xa é de mal gusto, artificioso e que o único que pretenden e aparentar que están moi afectados e non queren que lle vexamos os ollos que tiñan que estar chorosos e non hai tal... costumes de xente da tralla, digo da farándula. E outra cousa, tan moderna que sigo sen aturar pero que inza todas as comparecencias públicas, e, lamentablemente, porque din as estatísticas que teñen máis nivel cultural, máis as dos políticos de esquerdas: Iso de gatos, gatas, cans, cadelas, homes, homas, perdón, mulleres. O único que fan, con esa fala estraña e incorrecta, é amosar a súa escasa formación lingüística e resaltar a artificiosidade da súa mensaxe. E, sobre todo, resultar francamente aburridos. De arcada.